Que a carreira continúe

23/01/2019

Dende que o equipo de running Máis que Auga botou a correr, xa nunca parou. Xurdiu en Barreiro e Coia no ano 2012, atendendo á necesidade dos usuarios de adestrar contando coa experiencia dos nosos técnicos, e co obxectivo de crear comunidade. No ano 2015 incorporáronse os usuarios de Navia e hoxe sumamos xa 150 persoas entre técnicos e usuarios en total, nas instalacións de Coia, Navia e Barreiro.

O esforzo e as gañas de continuar foron medrando cos anos e, con elas, chegaron os éxitos. Onte o equipo de running Máis que Auga recolleu dous premios na Gala do Atletismo Vigués. Un como o segundo equipo máis participativo da cidade, e o terceiro en puntuación acumulada entre todas as carreiras da Run Run Vigo. Sentímonos moi orgullosos de que as nosas usuarias Ester Navarrete e Dolly García Torrico recolleran premios como primeira clasificada na categoría Feminino 1 e terceira clasificada na categoría Feminino 2, respectivamente.

Estes recoñecementos definen moi ben o espírito do equipo de running Máis que Auga. Sempre co obxectivo fixado nas probas de Run Run Vigo, cada luns e cada mércores pola noite, técnicos e usuarios reúnense nos seus centros para adestrar, e os venres o equipo corre ao completo.

Esta perseveranza permitiu que o running Máis que Auga estea dende os seus comezos enriba do podio da Run Run Vigo, e que nunca saia da listaxe dos tres primeiros equipos que máis participan en probas ao longo do ano. Ademais, vivimos a Interrunning Concello de Porriño, a Ponle Freno pontevedresa e incluso chegamos ata a Maratón de Valencia, e moitas outras máis. Isto só acaba de comezar.