A psicóloga Eva López dános claves para frear a ansiedade no confinamento e para transformarnos

24/04/2020

Este tempo de peche está a permitirnos coñecer e mostrar a membros da familia Máis que Auga. Grandes profesionais en diferentes campos que achegan o seu granito de area nesta situación tan anómala para todas e todos. Hoxe a psicóloga Eva López, socia de Máis que Auga Navia desde hai varios anos, daranos algúns consellos para poder combater a ansiedade e os medos que xorden nun peche tan prolongado. Ademais, ela está convencida de que esta situación ten que servir para algo positivo: “Propóñoche que cando acabe este peche non sexas a mesma persoa, que permitas que todo este proceso sexa unha gran oportunidade de aprendizaxe para ti, que a persoa que entrou no confinamento non sexa a mesma que salga, que utilices esta situación que nos brinda a vida como o escenario perfecto para transformarte”, afirma serena e cun sorriso interior e exterior a nosa psicóloga.

 

Pero teremos que empezar por controlar a ansiedade ou a angustia que podemos ter polo peche. Eva proponnos algunhas medidas prácticas, moi sinxelas, e outras máis complicadas, as emocionais.

 

Así, destaca que nestes momentos é fundamental ter rutinas en diferentes ámbitos: alimentación, descanso, exercicio e parte emocional.

 

Descanso-Sono: É necesario ter horarios relacionados coa hora á que nos deitamos e levantamos. O noso corpo necesita rutinas, danlle seguridade, e axúdannos a sentirnos ben, descansando habitualmente as mesmas horas, na mesma franxa horaria. Todo isto é un alicerce moi importante para o noso benestar.

 

Alimentación: É de suma importancia nestes momentos ter unha boa alimentación. Aquilo que comemos non só inflúe sobre o noso corpo físico, senón tamén no noso estado emocional. E non só pola imaxe que podamos ter, que afecta directamente sobre a nosa autoestima, senón porque os alimentos inflúen na nosa flora intestinal, a cal afecta directamente en substancias relacionadas coas nosas emocións. Comer ben axúdanos a sentirnos máis felices.

 

Exercicio: O movemento é de suma importancia nestes momentos. Sempre o é, pero en situacións de tensión emocional é moi necesario manter ao corpo activo. Axuda por suposto a que o noso sistema  inmunológico estea forte, protexéndonos de calquera ataque externo, de enfermidades e de forma directa inflúe tamén nas nosas emocións, facéndonos sentir máis felices. Facer deporte non é só saudable directamente para o noso corpo, senón que é unha das mellores formas para sentirse ben e ser feliz. Se queres estar ben, fai deporte.

 

Ata aquí, o máis sinxelo. Agora toca o aspecto emocional, mirar cara a dentro e analizar. E iso non sempre é fácil, pero si enriquecedor. Así nolo conta Eva: “Nestes momentos máis que nunca temos a oportunidade de mirar dentro e revisarnos, de ter o tempo suficiente para poder sentirnos, e isto que para moitos é algo negativo, xa que lles confronta con realidades internas ás que non queren enfrontarse, en realidade é unha gran oportunidade para aprender sobre nós mesmos, vernos por dentro, sentir aquilo que levamos tempo sen querer sentir e transformalo”.

 

Existen varias ferramentas para axudarte a conectar aquilo que está dentro de cada un. A nosa especialista destaca tres: A música, o baile e a escritura.

 

Acerca da escritura, Eva proponnos escribir nun caderno todo o que sentimos: “Non tes que escribir acerca de nada concreto, simplemente dos teus sentimentos, das túas emocións. Sería interesante que escribas durante máis de 20 minutos, que é cando empezan a emerxer emocións máis profundas que están máis arraigadas no subconsciente”.

 

Outra ferramenta que axuda moito é a música. “Poñer música que che conecte con aquela emoción que neste instante necesitas liberar e que che permita expresala. Quizais nos primeiros días necesitas música máis triste para liberar angustia ou ansiedade e máis adiante poidas poñer música máis alegre que che conecte co teu neno interior san”, explicounos a psicóloga viguesa.

 

E por suposto, axuda moitísimo bailar, conectar contigo mesmo e permitirche bailar sen ter que facelo de ningunha maneira, simplemente deixándote levar. Baila e goza.

 

E despois desta análise interior, unha nova etapa ábrese na túa vida. “Para iso hai que ser valente e enfrontarse directamente aquelas cousas de nós mesmos que nos dan medo, ter moita sinceridade connosco mesmos, tendo a certeza de que detrás de todo iso está o agasallo da conexión co meu eu máis auténtico, con quen verdadeiramente eu son, aquelas cousas que me fan máis feliz”, conclúe a nosa conselleira, que nos levou por unha viaxe interior para analizar e descubrir o que non nos gusta, para refugalo e apostar por aquilo que che fai feliz.