Proba e coñece o Aquapilates!

08/11/2019

Auga, equilibrio, respiración, concentración… Presentámosvos unha das actividades que estamos a estrear esta tempada en Coia e Navia: Aquapilates!

Estamos en plena promoción e durante o mes de novembro as clases serán gratis, polo que podes aproveitar para probala! Carlota Vázquez e Pablo Barciela son os técnicos que están a impartila en Navia, onde hai clases os luns ás 11:45 e 20:15 horas. En Coia as clases son o luns (12:30 horas) e o venres (11:45 horas) con Phara Souto e Nerea Castro como responsables.

Desta forma o pasado luns tivemos as primeiras clases e tamén as primeiras valoracións. Pablo explicounos en que consiste: “É unha actividade na que buscamos os principios básicos do pilates: verticalidade, control postural, traballo de respiración, activación do core, glúteos e abductores… e todo iso traballado na auga”. Neste primeiro día as usuarias xa notaron que a auga é moi beneficiosa para o traballo do equilibrio, segundo nos contaba Carlota: “Buscamos a corrección postural, por iso insistimos moito en movementos amplos e traballo de equilibrio, e no equilibrio a auga axuda moito, xa que a xente non ten medo a caer”. Carlota recordou que “tamén lle damos moita importancia á respiración, marcándolles nos as pautas e aí é fundamental a concentración para facelo correctamente”.

É unha actividade para “todos os públicos”, tanto por idades como por xénero, aínda que neste primeiro día as asistentes foron mulleres de forma moi maioritaria. Pero tanto Pablo como Carlota insisten en que é unha actividade adecuada para todo o mundo, porque “a todos nos ven ben mellorar a postura corporal, o equilibrio ou aprender a respirar”.

Conchi Seijo e María Jesús Pérez foron dúas das alumnas do luns en Navia e ambas pensan repetir a próxima semana. Conchi explicaba que “fixemos exercicios de relaxación, estiramentos… Me pareceu algo diferente ao que fago normalmente”. Porque ambas son abonadas e habituais non só na piscina, senón tamén na sala. María Jesús destacaba que Pablo fixo unha clase moi amena” e chancou sinalando que “penso que a min este tipo de exercicio me pode vir ben, porque ao tratar a elasticidade, parece, como digo eu, que me saca o óxido”.

Recordade que durante todo o mes de novembro podedes probar esta actividade de forma gratuíta, tanto en Coia como en Navia. Ademais, se contratas o curso ao remate da primeira proba terás un desconto do 50% no mes de decembro. Despois o custe do curso ao mes será de 8,60 para socios e de 17,20 para no abonados.