AS PRINCIPAIS DOLENCIAS NESTE REGRESO: PATOLOXÍAS CRÓNICAS E CARGAS POR UNHA VOLTA BRUSCA

30/08/2020

Tras case tres meses confinados na casa, moverse era case unha necesidade para o corpo. O problema é que, as veces, o regreso á actividade física non se fixo da mellor forma posible, polo que houbo bastantes lesións por unha falta de planificación do traballo.

 

Así que acudimos ao noso fisioterapeuta, Martín Martínez, para saber cales estaban a ser as dolencias máis habituais nestes dous primeiros meses post confinamento.

 

El nos explicou que hai tres grupos principais. Por un lado “a xente que retomou o seu nivel de adestramento normal de antes do confinamento, sen unha planificación para ir de forma gradual”. Que sucede nestes casos? “Sobre todo veñen con molestias a nivel  de articulacións e  tendinoso,  basicamente porque estas estruturas necesitan un aumento progresivo e controlado da carga de adestramento”, indicou Martín. Para esta xente o principal é xestionar ben á volta, non querer volver ao mesmo nivel de adestramentos de antes do confinamento e, en caso de verse incapacitados por algún tipo de molestia, “valoralo co  fisio para poñerlle  solución”.

 

O segundo grupo é o formado polas persoas con patoloxías crónicas, moitas das cales xa viñan de antes, pero despois de tanto tempo parados notaron un retroceso. Así que hai que volver ao traballo, retomar unha rutina de actividade física e “en caso de ter molestias, o mellor será pasar polo gabinete de tratamentos para que se lles valore”. Moitas destas persoas aínda non volveron a adestrar ni a pasar polas mans dos fisios por medo, así que temos que animarlles a que visiten a instalación para que poidan comprobar todas as medidas de seguridade implementadas, que lles permitirán volver ao traballo sen medo.

 

E o terceiro grupo é o dos que sofren as típicas cervicalxias ou lumbalxias por malas posturas continuadas, “de xente que traballa sentada durante horas e que finalmente arrastra este tipo de problemas”.

 

Para todos eles, temos solución. Non dubides en pedir unha consulta no noso gabinete de tratamento, onde Martín fará unha valoración do problema e aconsellaravos tanto a nivel de adestramento como do tratamento a realizar. Xa sabedes que podedes reservar cita para o noso servizo de fisioterapia, situado no centro de Navia, na recepción de calquera das nosas instalacións, por teléfono ou a través da web de  Máis que  Auga. Esperámosvos!