PRIMEIRA CLAVE PARA BAIXAR PESO: ATOPAR O EQUILIBRIO ENTRE UNHA BOA ALIMENTACIÓN E A PRÁCTICA DEPORTIVA

24/01/2023

Comezou o ciclo de charlas sobre nutrición que imos celebrar en Máis que Auga Navia. O pasado venres celebrouse a primeira, “Nutrición para a perda de peso”, na que o responsable do gabinete de nutrición, Víctor Vázquez, deu claves para conseguir adelgazar e desmontou mitos alimenticios.

 

E cal é a primeira das claves? Atopar un equilibrio entre unha boa alimentación e a práctica deportiva, sen dietas restritivas que normalmente teñen efecto rebote e un gran desgaste psicolóxico.

 

Neste encontro, Víctor deunos varios consellos para baixar peso grazas a unha boa alimentación e o exercicio -“porque ambos van da man. Se tes unha boa alimentación, axudará na práctica do deporte e viceversa”- e escapou desas dietas milagre que normalmente o que supoñen son “efectos rebote”. “Debedes escapar das dietas de…. Cando asumes dietas restritivas evidentemente adelgazas rápido, pero da mesma forma, coa mesma rapidez, recuperas o peso cando volves comer con normalidade”, manifestou. Por iso o mellor é “ter uns hábitos saudables. Así, debemos localizar o problema e cambiar os hábitos aos poucos. Temos que crear unha forma de alimentación na que esteas cómodo. Hai que ir educando o padal, consumir verduras e froitas, aumentar o consumo de proteínas… E que ninguén pense que a comida boa é aburrida, porque iso non é certo”.

 

E é que non pode ser que o traxecto cara ao peso ideal sexa un tormento, explicounos Víctor Vázquez. “Debes ter constancia, por suposto, porque os resultados non son dun día para outro, e por iso, é fundamental que goces do proceso. Tes que centrarte en comer ben e facer deporte, estar san… e se nalgún momento saes do plan, non pasa nada. Todos temos vida social e sabemos que hai determinados momentos nos que non apetece estar a medir calorías, e iso non é malo”. E é que, cantas veces escoitamos que “o prohibido é o que máis se quere”? Por iso, o noso nutricionista aposta por facer plans personalizados, adaptados á situación inicial: “Se ti comes chocolate todos os días, de entrada, non vou quitarcho todo de forma radical, senón que iremos progresivamente, para que sexa máis sinxelo para ti”.

 

Na charla, Víctor tamén presentou o Plan A, un programa de tres meses, absolutamente personalizado, no que as persoas que o realicen irán acompañadas ao longo de todo o proceso por un adestrador persoal, un nutricionista e un fisioterapeuta. Vai dirixido, principalmente, a todas aquelas persoas que sempre tentaron perder peso e nunca o conseguiron; ás que buscan unha alimentación equilibrada e incorporar o deporte nos seus hábitos, aínda que non teñan problemas de sobrepeso, pero necesitan axuda porque lles falta constancia; ou para aquelas que comezaron a coller peso e non consegue baixalo por se soas. Se queres información sobre o Plan A, non dubides en preguntar no gabinete de nutrición ou na recepción do centro.