PRIMEIRA ANDAINA DO ANO 2023: IMOS A COÑECER OS PARQUES FORESTAIS DE BEADE E BEMBRIVE!

17/01/2023

O domingo 22 de xaneiro imos celebrar a primeira andaina do ano 2023! Se o sábado subímonos á bici de montaña, o domingo é o momento de poñerse un calzado cómodo para camiñar e gozar dos parques forestais de Beade e Pouso Bembrive!

 

A ruta terá un percorrido de algo máis de 11 quilómetros cun desnivel moderado, xa que comezaremos na zona máis elevada. A cita é ás 10:00 horas nas inmediacións do asador O Faneco (no propio parque forestal de Beade), que ademais pode ser un sitio perfecto para repoñer forzas ao finalizar a xornada, se vos apetece cunha boa comida.

 

Son algo máis 11 quilómetros de marcha que realizaremos en aproximadamente 3 horas e media, con tempo para gozar dos marabillosos bosques coníferos do parte forestal de Beade e Pouso Bembrive. Unha contorna idílica que non todos coñecemos e na que é un pracer perderse e esquecerse de que a só uns minutos está a cidade.

 

Como sempre, uns recordatorios: Non esquezades levar calzado cómodo e adecuado para esta camiñada por carreiros, roupa para facer deporte e algo para beber e comer, que son máis de tres horas de actividade. Tampouco está de máis que levedes roupa de abrigo ou un chuvasqueiro, aínda que as previsións meteorolóxicas son boas para toda a fin de semana.

 

Se vos queredes apuntar a este plan #OutExperience, é moi sinxelo. As persoas interesadas poden reservar a súa praza na recepción dos nosos centros ata completar o aforo. Como sabedes a maioría, é unha actividade gratuíta para os nosos socios/as (aínda que deberán ter o seguro anual para poder realizar actividades no exterior, que ten un prezo de 10 euros e un ano de vixencia). Os non abonados, ademais do seguro obrigatorio, terán que pagar 4,25 euros pola saída.

 

Aquí tedes tanto a ligazón ao momento de saída como co percorrido en Strava da ruta.