PRESENTÁMOSVOS A VÍCTOR VÁZQUEZ, O RESPONSABLE DO GABINETE DE NUTRICIÓN DE MQA NAVIA

23/12/2022

Hoxe ímosvos presentar á nova incorporación ao persoal de Máis que Auga. Chega ao noso equipo Víctor Vázquez Salgado, que será o responsable do gabinete de nutrición de Máis que Auga Navia.

 

Víctor Vázquez, técnico Superior en Dietética e Nutrición e especialista en nutrición deportiva, é unha persoa moi ligada ao deporte durante a súa vida, principalmente ao fútbol, modalidade na que chegou a xogar en Terceira División (Rápido de Bouzas ou Arenteiro, entre outros equipos).

 

Despois duns anos traballando como autónomo e no centro Espazo Vital de Gondomar como nutricionista, chega a Máis que Auga con moita ilusión e con ganas de axudar aos nosos usuarios/as a ter unha boa alimentación. “Afróntoo moi ilusionado. Poder traballar con xente que practica deporte e axudarlle a conseguir os seus obxectivos cunha correcta alimentación é algo que me motiva moito”, explica.

 

A partir de agora, no centro de nutrición de MQA teremos novidades e quen mellor que o propio Víctor para darnos unhas pinceladas do que nos espera no 2023, e que vos iremos contando aos poucos: “Daremos charlas e teremos unha atención máis específica a determinados deportes, para que os usuarios melloren o seu rendemento e se atopen mellor en todos os aspectos”.

 

E é que non podemos esquecer o importante que é ter unha boa alimentación e de forma moi especial para aquelas persoas que practican deporte. O noso nutricionista teno moi claro: “É o mellor complemento posible. Unha correcta alimentación fai que mellore a túa recuperación, descanso, rendemento e sobre todo, a túa saúde, a todos os niveis”.

 

Evidentemente a un paso das Festas Do Nadal e xa con algunha cea de empresa ou de amigos na barriga, decidimos pedirlle a Víctor algúns consellos para vivir un Nadal feliz e un pouco máis equilibrado no tema alimentación. “É importante ter en conta que son 4 ou 5 celebracións, que non teñen que durar dous meses. Normalmente o problema está en que nos excedemos demasiado e prolongámolo no tempo. O mellor consello é que sigamos cunha alimentación correcta e saudable a diario e nos días de comidas ou ceas limitar os excesos e non tirar a casa pola xanela, todo pode ter cabida dunha forma moderada. É importante tamén aproveitar este período de vacacións para movernos máis, practicar deporte entre amigos e non facer que todas as festas viren ao redor da comida e o alcol”.

 

Así, a Víctor pedímoslle algunhas receitas sas e ricas para estas semanas e el apostou por “estas que son variadas, sinxelas e nutricionalmente moi completas”:

–             Pementos recheos de tenreira picada, cebola, queixo e champiñóns

–             Ensalada completa con atún, olivas, ovo, noces, millo, remolacha e cenoria.

–             Batata rechea de pavo ou pito, queixo e salteado de verduras.

 

E claro non podiamos despedirnos de Víctor sen pedirlle unha sobremesa, iso si, sa e saborosa. E aquí tedes a proposta do noso nutricionista: “Un mug cake (biscoitiño) de avea, plátano machucado, chocolate (+85%) e ovo, feito no microondas”. Para chuparse os dedos!