PLANAZO PARA O DOMINGO 27: A RUTA DO RÍO FRAGA EN MOAÑA

21/09/2020

Xa tedes un plan para o domingo 27 de setembro: Imos facer a ruta do río Fraga en Moaña! Serán dez quilómetros á beira do río Fraga en Moaña, cun desnivel duns 300 metros nun terreo algo esvaradío e húmido, para o que recomendamos calzado cómodo de montaña. Unha vez máis, uniremos deporte, familia e natureza, ademais de que seguimos coñecendo lugares que, a pesar de estar moi preto de nós, a veces son descoñecidos. Imos contarvos cal será o plan.

 

Ás 09:30 horas comezaremos a ruta na desembocadura do río Fraga na Praia da Xunqueira. Serán 5 quilómetros de subida, con 300 metros de desnivel. O percorrido non pode ser máis fermoso, con fervenzas, pontes de madeira, muíños e unha vexetación que namora. Aquí tedes o vídeo que prepararon os nosos compañeiros, mentres planificaban a actividade. Seguro que xa vos enganchades!

Ruta río Fraga

Para facer a ruta recomendamos a utilización de bastóns, polo que vos animamos a levalos se tedes e en caso contrario, volos prestaremos nós. Ademais dos bastóns e de calzado de montaña e roupa cómoda, debedes levar auga e algo para comer (froita, barritas enerxéticas, froitos secos…) para o percorrido, que rematará no punto de saída. Así, dende a praia, con todos os que queirades, subiremos en coche ata o mirador de Paralaia, no alto de Moaña. A paisaxe que nos espera valerá e moito a pena, cunha vista privilexiada de toda a ría e as súas bateas, Rande e a fachada litoral de Vigo. Como sempre, os que queirades, podedes quedarvos a comer, xuntos pero non revoltos, xa que teremos o máximo coidado posible para manter as distancias de seguridade. Claro, outro elemento indispensable será a máscara, obrigatoria no noso día a día.

 

Estamos seguros de que xa sabedes onde inscribirvos, pero imos recordarvos os pasos a dar. A inscrición, na recepción de calquera dos nosos centros e para os nosos abonados/as esta actividade é gratuíta, mentres que o resto deberán pagar 4 euros. Iso si, todos tedes que ter o seguro obrigatorio anual, que so hai que pagar unha vez ao ano (son 10 euros e cubre calquera actividade que fagades ao aire libre).

 

Nesta ligazón, tedes o punto de saída.