PLANAZO DOBRE PARA O 13 DE MARZO COAS NOSAS ACTIVIDADES OUTEXPERIENCE

02/03/2022

Reservade este día nas vosas axendas! O 13 de marzo temos un  planazo dobre cunha ruta de bici de montaña e unha  andaina con saída desde a Fortaleza de Goián para realizar un precioso percorrido polo roteiro dos pescadores, Tamuxe e Eiras. Podedes elixir só una das opcións ou as dúas se tedes forza, ánimo e ganas, e ademais ímosvos propoñer quedarnos a comer todos xuntos na zona do embarcadoiro entre ambas as actividades. Así que… Imos coa nosa proposta!

 

Pola mañá tócanos subir á bici de montaña! A hora de saída é ás 10:00 desde a Fortaleza de Goián e teremos por diante un camiño precioso pola ribeira dos ríos Miño e Tamuxe. Será un percorrido lineal e totalmente chairo de 10 quilómetros ata o parque das Aceñas punto no que descansaremos para retornar cara o punto de saída. Pero para os máis aventureiros e desde este punto, mentres os demais descansan, faremos unha subida duns 5 quilómetros ao miradoiro Niño do Corvo, que se atopa na zona, para regresar cara ao río  Tamuxe e volver todos xuntos. O percorrido máis sinxelo é de 20 quilómetros en total, mentres que o engadido extra é duns 9 quilómetros máis. Imprescindibles para realizar esta actividade, bicicleta de montaña e casco propios, así como un móbil coa APP  Strava para seguir o percorrido. O resto, as ganas, a alegría, o bo rolo, poñerémolo entre  tod@ s!

E para a tarde teremos a nosa ruta de sendeirismo, que comezará ás 15:30 horas desde a Fortaleza de Goián. O percorrido será similar, xa que realizaremos a Senda dos Pescadores Miño- Tamuxe. En total son 16 quilómetros (ida e volta), tamén completamente chairos e nunha contorna natural insuperable. O tempo estimado da actividade é dunhas tres horas e media.

 

A continuación, deixámosvos as ligazóns da saída e o percorrido en  Strava, así como información sobre a ruta, que pode ser do voso interese.

Como sempre, lembrarvos que todas as persoas interesadas poderedes reservar a vosa praza (nunha ou outra saída, ou as dúas) na recepción dos nosos centros ata completar aforo. É unha actividade gratuíta para os nosos socios/ as (aínda que deberán ter o seguro anual para poder realizar actividades no exterior, que ten un prezo de 10 euros e unha vixencia dun ano). Os non abonados, ademais do seguro obrigatorio, terán que pagar 4 euros pola saída.