PLAN PARA O DOMINGO 23 DE XANEIRO: TRAIL RUNNING E SENDEIRISMO

17/01/2022

E se para o sábado apostamos pola bicicleta, o domingo 23 de xaneiro tocaranos camiñar e correr! Volvemos ter unha nova actividade do noso programa  OutExperience, a segunda do ano 2022, que tamén discorrerá pola zona de Saiáns e Coruxo.

Comezaremos ás nove da mañá co  trail  running nun percorrido precioso e divertido de 9,5 quilómetros e 450 metros de desnivel positivo. Por onde pasaremos? Non nos podiamos perder os Muíños de  Gontade en Saiáns, o Alto da Bandeira, o miradoiro do  Piricoto de Vilar e o parque forestal de Saiáns, regresando aos muíños polo Camiño de Santiago Portugués da costa.

 

Esta é a nosa primeira opción, pero hai máis! Para aqueles que prefiran camiñar, temos o noso roteiro de sendeirismo que comezará ás 11:00 horas desde os Muíños de Gontade. Será un percorrido de 11,5 quilómetros e 450 metros de desnivel positivo, moi similar ao do  Trail, pasando entón polos mesmos sitios, pero aos que hai que sumar o miradoiro da Caseta dos Cazadores e os muíños de Saiáns, regresando igualmente polo Camiño Portugués. A duración estimada deste roteiro é de 3 horas e media.

 

Necesidades? Calzado cómodo e impermeable, xa que é moi posible que pasedes por zonas con auga e barro; roupa de abrigo e un  chubasqueiro por se chove e, por suposto, auga e algo para comer durante o percorrido.

 

A continuación, deixámosvos as ligazóns cos percorridos en Strava, así como o punto de saída.

Inscribirse é moi sinxelo. As persoas interesadas poden reservar a praza na recepción dos nosos centros (ata completar aforo). É unha actividade gratuíta para os nosos socios/ as (aínda que deberán ter o seguro anual para poder realizar actividades no exterior, o cal ten un prezo de 10 euros e unha vixencia dun ano). Os non abonados, ademais do seguro obrigatorio, terán que pagar 4 euros pola saída.