Perucho, Chano, Susana Rodríguez  e Antonio Serrat, con Máis que Auga

25/03/2015

Catro dos mellores deportistas galegos veñen de asinar un compromiso de colaboración coa empresa viguesa de xestión deportiva Máis que Auga. Os campións olímpicos Carlos Pérez Perucho e Sebastián Chano Rodríguez, a campiona do mundo de paratriatlón Susana Rodríguez e o subcampión de Europa de tríatlon Antonio Serrat colaborarán con Máis que Auga na divulgación da práctica e o ocio deportivo impartindo charlas, conferencias ou aconsellando aos máis de 730.000 usuarios que cada ano practican deporte nas instalacións da empresa viguesa.

Máis que Auga asina convenios de apoio cos catro deportistas de referencia, para axudar  as súas carreiras deportivas en disciplinas sempre necesitadas de respaldo. A empresa deportiva viguesa entende que o labor e os éxitos dos deportistas os fai cómplices cos valores e a filosofía de Máis que Auga.

“Máis que Auga ten as instalacións máis completas de Vigo, cunha piscina de 25 metros, un ximnasio moi amplo e incluso a posibilidade de compaxinalo con correr fóra, xa que Castrelos queda bastante cerca” explicou Susana Rodríguez, unha das mellores atletas mundiais en disciplinas paralímpicas que ás veces adestra no centro deportivo que Máis que Auga dispón en Coia.

“É a primeira colaboración que teño cunha empresa polo que é moi importante para min, xa que amosan a súa confianza nas miñas posibilidades e se por riba é unha empresa da miña cidade, mellor que mellor”, subliña Antonio Serrat.

A empresa viguesa quere apoiar a estes campións na súa preparación xusto nun ano importantísimo, xa que está en xogo a clasificación para os Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Río. Máis que Auga aposta por xente nova cunha importante proxección coma Antonio Serrat; por unha muller con discapacidade que loitará por estar nos seus primeiros Xogos Paralímpicos, agora que o paratríatlon forma parte do calendario olímpico; por un veterano coma Chano que loita coa ilusión dun principiante por disputar os seus quintos Xogos Paralímpicos e por un campión olímpico coma Carlos Pérez, que segue loitando na elite.

Máis que Auga dispón en Vigo de dous grandes centros deportivos en Coia e Barreiro e un terceiro en construcción no barrio de Navia. A súa relación calidade/prezo, o servizo e o seu enfoque cara o deporte para toda a familia convirten a Máis que Auga na empresa privada con maior número de visitas (730.000 ao ano) e tamén a que conta cun maior número de socios (case 14.000 socios). Nos catro anos de vida destes centros, Máis que Auga realizou máis de 60.000 fichas persoais, o cal significa que máis do 20% da poboación de Vigo pasou nalgún momento por estas instalacións.