AS PERSOAS CUNHA CAPACIDADE FÍSICA MEDIA OU ALTA TEÑEN UN MENOR RISCO DE HOSPITALIZACIÓN POLA COVID-19

09/12/2020

Nunha época chea de dúbidas e incertezas ante unha pandemia global para a que non hai un tratamento, polo menos de momento, o que está na nosa man é tomar as medidas de prevención necesarias. Estas accións refírense tanto a cumprir cos protocolos establecidos polas autoridades sanitarias a nivel de relación en sociedade (distancias de seguridade, utilización de máscara, hixiene de mans…), como a outras menos difundidas, pero igual de importantes: Manterse forte para que o virus non te ataque ou o faga con menos virulencia.

 

Son moitas as voces do sector da actividade física que inciden neste factor e hoxe traémosvos un artigo do Diario As, onde recollen os resultados dun informe asinado por expertos do Hospital Henry Ford de Detroy, en Estados Unidos, que conclúe que “a capacidade máxima de exercicio determinada a partir dunha proba de esforzo antes da infección por SARS- CoV-2 asóciase de forma independente e inversa coa probabilidade de hospitalización por COVID-19”. Espectacular descubrimento.

 

Neste estudo os investigadores analizaron os datos daqueles pacientes que realizaran unha proba de esforzo no hospital entre os anos 2016 e 2020, e que deran positivo por COVID-19 (246 en total). Destes pacientes un 36% acabou hospitalizado e estes enfermos eran os que precisamente peores resultados obtiveran no test de esforzo (capacidade pulmonar, resistencia á fatiga ou  electrocardiograma).

 

Segundo este estudo, os suxeitos que finalmente foron hospitalizados tiñan unha idade media de 59 anos e presentaban problemas de hipertensión arterial, niveis altos de colesterol, diabetes ou obesidade. E en todas estas afeccións, a actividade física é fundamental como “medicina natural”.

 

Así pois, o traballo dos expertos estadounidenses volve incidir en que o exercicio físico regular, unido a outros aspectos importantes como a dieta, o descanso ou o manexo da tensión, incide de maneira decisiva no noso sistema  inmunitario e na capacidade de defensa fronte a infeccións como a COVID-19.

 

Nesta ligazón podedes ler o artigo ao completo.