Pedro Pereira: “Gustaríame que os bancos de alimentos desapareceran”

31/01/2019

Pedro Pereira leva 12 anos na presidencia desta entidade. Dende que comezou o seu voluntariado en 1997, viu medrar a necesidade a pasos axigantados. Agora o banco de alimentos precisa máis colaboración que nunca.

O Banco de Alimentos de Vigo comezou a súa labor en 1995 e dende entón non fixo máis que medrar…
Ao comezo, os voluntarios eran formados pola Federación Española de Bancos de Alimentos, pero aínda non tiñamos a infraestrutura perfecta para levar a cabo o traballo. Ano tras ano foise notando a necesidade que había na provincia de Pontevedra e concretamente na cidade de Vigo e comezamos a recorrer a máis voluntarios e a falar coas empresas de alimentación para que nos cederan excedentes. Fomos medrando, comezamos coas Operación Kilo, e en 2013 tivemos que buscar un asentamento novo porque os alimentos xa non cabían e seguía aumentando a demanda, en plena crise. Despois diso trasladámonos varias veces ata a actual nave, que conta con 2.100 metros cadrados.

Todo isto non estaría en pé sen a labor dos voluntarios e voluntarias, dos que a maioría son xubilados. Poderíase dicir que este é o segundo grande traballo das súas vidas…
É unha necesidade que temos os xubilados. Aquí podemos botarlle unha man aos demais e poñer os coñecementos adquiridos na nosa vida laboral ao servizo de outros. Agora está comezando a haber tamén un movemento por parte da xuventude, porque unha vez que entras no voluntariado iso quédache sempre dentro, é algo que te fai feliz.

 

“Cando se fala de que a economía vai mellor, só é en referencia a un certo tipo de sociedade”

 

 

Cal é a situación actual en Vigo en canto á demanda de alimentos?
Estamos entregando diariamente máis de 2.000 kg de alimentos ás entidades da cidade e prestamos axuda a unhas 25.000 persoas ao longo do ano. A demanda medrou moito. Por unha banda, a xuventude non ten posibilidade de traballar e, por outra, a xente que formaba a clase media perdeu os seus postos de traballo e xa non puido recuperalos. Cando se fala de que a economía vai mellor, só é en referencia a un certo tipo de sociedade. A xente rica aumentou a súa riqueza despois da crise, pero a xente que non tiña máis que o seu traballo, ao desaparecer iso non lle quedou nada. Pódese dicir que non só non melloramos, senón que temos máis necesidade. A situación é desesperada. A min o que me gustaría e que desapareceran os bancos de alimentos, que non houbera persoas ás que axudar.

Ao aumentar a demanda, para o banco de alimentos é fundamental a colaboración das entidades como Máis que Auga. Hai concienciación por parte das entidades en Vigo?
Hai unha solidariedade moi grande, e iso é o que nos enche o corazón de ledicia. Non só en Vigo, senón en toda a provincia de Pontevedra. Nótase sobre todo na xente dos barrios, que teñen máis próxima a situación de necesidade.

Neste punto, é benvida a axuda de calquera, non si?
Nós aceptamos doazóns de calquera entidade ou particular, de feito todos os días temos persoas que se achegan ou nos chaman para que vaiamos recoller alimentos. Animamos a toda a xente a que veña a coñecernos e vexan a realidade do banco de alimentos e o volume de traballo que temos. Calquera que queira colaborar como voluntario ou doando alimentos é benvido.