PECHAMOS A TEMPADA OUTEXPERIENCE CUNHA PROBA DE ORIENTACIÓN NO MONTE ALOIA

18/06/2023

Esta tempada o noso programa #OutExperience foi incorporando novas actividades, adeptos e moitas emocións entre todos os participantes. Despois de moitos meses de saídas, nas que non faltou o deporte, a natureza e o bo humor, chegou o momento do descanso. Acábase o curso 22/23 e imos despedilo como se merece, cunha desas probas que vos encantan e nos encantan: O 9 de xullo celebraremos unha carreira de orientación no Monte Aloia.

 

Pero… imos co plan! Reunirémonos á beira da capela de San Xulián (na zona alta do parque natural) e aí será onde comezaremos ás 09:30 horas coa charla técnica. Ao finalizar a mesma, na que se explicará o funcionamento da actividade, e xa co mapa nas nosas mans, arrincaremos!

 

Como en anteriores ocasións, a competición dividirase en catro categorías (familias, andaina, trail e canicross) e en dúas distancias/dificultades. A proba curta, de aproximadamente 2 quilómetros, terá 12 balizas que localizar e en cinco delas os participantes atoparanse cun novo reto, que duplicará o seu valor.

 

A proba longa (5 quilómetros) terá as mesmas 12 balizas e outras 7, un pouco máis afastadas e difíciles, que terán ademais o premio extra de que nos permitirán gozar dalgúns dos lugares máis emblemáticos do Parque Natural. Como sempre, o que máis puntos consiga no menor tempo posible, será o vencedor da proba.

 

Xa non fai falta que vos lembremos que veñades con roupa e calzado cómodo para poder realizar a actividade ao aire libre; con viseira e protección solar (se o tempo o require); auga e algo para comer, se o considerades necesario e… moitas ganas de gozar dunha actividade que non é só deporte, senón que tamén hai que pensar, razoar e saber orientarse.

 

É unha actividade gratuíta para os nosos socios/as (aínda que deberán ter o seguro anual para poder realizar actividades no exterior, que ten un prezo de 10 euros e unha vixencia dun ano). Os non abonados, ademais do seguro obrigatorio, terán que pagar 4,25 euros pola saída. As persoas interesadas poden inscribirse na recepción de calquera dos nosos centros ata completar o aforo.

 

A continuación, está a ligazón para chegar ao momento de encontro.