PECHAMOS A TEMPADA DE MARCHA CO ROTEIRO MONTE ALOIA-GALIÑEIRO

11/07/2021

Toca pechar a tempada dos nosos roteiros de marcha nórdica e ímolo a facer cunha moi especial entre Monte Aloia e Monte  Galiñeiro. A cita será o próximo día 18 de xullo e teremos diferentes opcións para elixir (trail ou sendeirismo) e traxecto longo ou curto. Pero o que non é opcional é o bo ambiente, as ganas de pasalo ben e gozar da natureza e o deporte!

 

Para aqueles que opten polo trail, a saída será ás 09:00 horas desde o Monte Aloia (punto de encontro a capela de San Xulián). Serán 9 quilómetros e 400 metros con chegada ao  merendeiro do  Galiñeiro sobre as 10:30 horas. E aquí chega a segunda opción: poderedes realizar a volta andando no grupo de marcha ou ben correndo, se queredes facer o percorrido completo de trail (20 quilómetros).

 

Aqueles que opten pola versión da andaina, a saída está prevista no merendeiro do  Galiñeiro ás 10:30 horas en dirección ao Monte Aloia e o percorrido será de 9.350 metros. O ruta é por zona de pista e carreiro, polo que non ten gran dificultade, aínda que nalgúns puntos si require atención. A hora estimada de chegada é sobre a unha de mediodía e é posible comer todos xuntos nas mesas que alí hai.

 

O regreso, ou ben se fará camiñando (18 quilómetros en total) ou ben, para aqueles que prefiran o roteiro curto, sairán desde alí nos seus coches. Para poder organizar a saída, é necesario coñecer os plans de todos e todas para distribuír como será o transporte.

 

Como sempre, é fundamental que veñades con roupa e calzado moi cómodo, viseira e crema solar para protexervos; auga para hidratarse e algo para comer para repoñer forzas. Ademais, os que queden a comer, deberán levar a comida e bebida no coche.

 

Todas as persoas interesadas poderán inscribirse na recepción de calquera dos nosos centros. Esta actividade é gratuíta para os nosos abonados/ as e para aqueles que non o son o custo é de 4 euros (iso si, sempre que os asistentes teñan xa o seu seguro anual en vigor).

 

Último roteiro da tempada, na que esperamos contar con todos vós para pasar unha magnífica xornada realizando actividade física ao aire libre con amigos e familia.