PARA OS QUE MÁIS NECESITAN, TEMOS MÁIS!

25/06/2020

Esta pandemia sanitaria volteou o noso mundo e obrigounos a ver as cousas con outros ollos, abrindo os nosos horizontes moito máis alá, para recoñecer o traballo de todos aqueles que nos coidan (que vai dende os agricultores á sanidade, dos repartidores aos varredores; dos militares aos voluntarios en colectivos sociais…) e  darnos conta de que hai que ser solidarios e coidar aos que máis o necesitan.

 

Por iso, pensando nas persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade, Máis que Auga pensou en varias medidas para darlles a máxima seguridade no momento no que entren nas nosas instalacións. Así decidimos crear en cada un dos nosos centros un mini-ximnasio para este colectivo, no que atoparán todo o necesario para facer deporte e coa presenza dun técnico para que os aconselle, agora máis que nunca, neste regreso ao traballo físico despois de tanto tempo parados. É a nosa Sala Máis +, que foi creada en exclusiva para a poboación vulnerable, para que os que necesitan máis, teñan un plus de seguridade. O uso da mesma é exclusivo, pero non obrigatorio, e o resto da instalación está completamente a vosa disposición se preferides estar co resto dos nosos socios, onde tamén se manteñen as distancias de seguridade e temos un protocolo estrito de hixiene.

 

Como viven os nosos abonados estes momentos? Anselmo, socio de Coia dende o seu inicio -“o centro abriu o 1 de novembro e eu vin ao día seguinte”- é fiel á súa cita con Máis que Auga, despois do parón obrigado. “Xa tiña moitas ganas de volver, porque eu viña tres veces á semana e claro, xa tes os teus hábitos e a verdade é que o botaba moito de menos”. Os primeiros días notaba a falta de actividade, pero “hai que ir pouco a pouco e a verdade é que xa me atopo moito mellor. Hai que escoitar ao teu corpo”.

No seu regreso, utiliza a Sala Máis +, “para sentirme máis seguro, aínda que tamén vou á sala fitness para algunha cousa. Pero aquí se está mellor, máis tranquilo. A min me gusta darlle caña e aquí podo concentrarme ben”. Anselmo pide á xente sentidiño: “Non podemos relaxarnos, que isto segue aquí e hai que cumprir as normas de seguridade. Isto é cousa de todos e non podemos esquecelo”.

 

Carmen, que vai ao centro de Barreiro, dende a reapertura prefire quedarse na Sala Máis +, porque evitar subir as escaleiras e cruzarse con moita xente: “A sala está abaixo, e para min é moi cómodo. Ademais teño aquí todo o que utilizaba antes na sala fitness, e o certo é que me sinto moi segura”. Carmen, tamén con moitos anos de socia ás costas, afirma que a limpeza das máquinas, as distancias entre elas, os xeles hidroalcohólicos por todas partes fan “que sexa o sitio onde máis segura me atopo despois da miña casa”. Por iso está intentando volver a súa rutina habitual: “antes viña todos os días e o certo é que me afectou moito o confinamento. Agora me está costando, pero pouco a pouco vou notando a mellora… Pero me falta moito!”.

 

Nestes días nos estades a preguntar quen forma parte da poboación sanitariamente vulnerable. Nisto, como en todas as medidas que estamos a adoptar, acudimos ao Ministerio de Sanidade, que é o que marca os parámetros. Así, segundo Sanidade son persoas vulnerables ao COVID-19:

– As diagnosticadas de hipertensión arterial, diabetes, enfermidades cardiovasculares, pulmonares crónicas, cancro e inmunodeficiencias.

– Os maiores de 60 anos

– Outras persoas, como as que fuman ou as que teñen obesidade, tamén parecen ter maior risco de ter unha enfermidade grave.

– As embarazadas, principalmente por precaución.

 

Ademais, para a poboación vulnerable é fundamental estar forte e coas defensas altas no caso de que ataque un virus e para iso o mellor é unha boa alimentación, actividade física e bo descanso. Así que imos poñernos a traballar!

 

Outras medidas

Tamén sabemos que os gusta a auga, así que para este sector da poboación reservamos na piscina e no spa unhas franxas horarias (de 9.30h a 13.30h) todos os martes e xoves para que poidades gozar destas instalacións con maior tranquilidade.

 

E outra das nosas novidades nesta nova normalidade! Creamos a actividade “Seniors en forma na rúa”, na que estableceremos un punto de encontro no acceso ao centro e dende aí desprazarémonos para realizar a clase, aproveitando as prazas, pistas de pádel ou zonas axardinadas que temos ao noso redor.