PARA ISABEL VÁZQUEZ, DE 98 ANOS, FACER DEPORTE É A SÚA MELLOR MEDICINA

29/12/2021

Agora que está a piques de finalizar o ano 2021 queremos despedilo cunha das grandes noticias que tivemos en  Máis que  Auga: Regresou ás nosas instalacións Isabel Vázquez, a nosa socia de máis idade, e tamén de máis enerxía positiva, vitalidade e alegría!

 

Aínda que pareza mentira véndoa, o certo é que Isabel Vázquez cumpriu 98 anos o 4 de agosto!  Hai un par de anos estivemos con ela en Máis que Auga Barreiro, o seu centro desde a apertura do mesmo e ao que viña tres veces á semana á primeira hora da mañá. E así, ata que en marzo de 2020 a nosa vida cambiou. E tamén a de Isabel. Chegou o confinamento e o peche das nosas instalacións e cando regresamos, en xuño, Isabel non sentía o suficientemente cómoda para regresar. Así que despois duns meses de pensalo moito, decidiu darse de baixa en agosto de 2020 e estivemos sen o seu sorriso durante un ano máis. Ata que o 11 de agosto de 2021 regresou con nós e a que é tamén a súa casa!

 

Ela explicounos a súa marcha: “Deixei de vir porque aínda non estaba vacinada, tiña medo por min  e polos demais. Ata que me puxen as dúas doses, e agora a terceira coa de gripe, non me sentía cómoda”.

 

Preguntámoslle como foi o regreso e non puido ser máis clara: “A volta foi moi boa, xa que para min é como unha medicina. Cando estou cansa, facer ximnasia actívame e dáme forza”, asegurou a nosa socia.

 

Os seus hábitos non cambiaron moito. Segue vindo pola mañá e fai algo de sala e de piscina. “Principalmente fago remo e bicicleta, aínda que tamén uso algunha outra máquina. Ademais, vou á piscina para relaxarme”. Porque Isabel afirma que a ela o deporte lle aporta tanto a nivel físico como mental, xa que lle axuda a despexar a mente.

 

Así, co sorriso pícaro de Isabel quedamos, desexando recibila cada mañá en Máis que Auga e seguir vendo como apaga velas cada 4 de agosto.