Óscar Carrera e Roi Rodríguez, novos deportistas Máis que Auga

23/05/2019

A familia de deportistas Máis que Auga segue crecendo. Esta tempada  incorporamos ao grupo aos piragüistas vigueses Óscar Carrera e Roi Rodríguez, os cales, pese a súa xuventude, xa contan cun magnífico currículo deportivo e moitas expectativas de futuro. As máis ambiciosas: Os Xogos de Tokio 2020. E Máis que Auga quere axudarlles neste soño.

Óscar Carrera (Vigo, 1991) xa conta cun diploma olímpico no seu poder (Río 2016) e agora quere volver repetir a experiencia. Para iso toca acadar magníficos resultados nesta tempada, na que fixo un cambio de barco, aínda que non de distancia. En Río participou en K-4 1.000 metros, e agora se está preparando para K-2 1.000 metros xunto ao seu compañeiro Rubén Millán. Esta fin de semana (24-25 de maio) disputará a Copa do Mundo de Poznan (Polonia), primeira proba internacional da tempada e fundamental para seguir participando nas competicións do máis alto nivel. Óscar explicounos que a preparación en Verducido, está a ser moi satisfactoria: “As sensacións son brutais. Rubén e eu comezamos a adestrar e competir case a vez e aínda que había máis de dous anos que non montabamos un barcos xuntos, o certo é que nos compenetramos moi ben e temos moi boas expectativas e sensacións cara a Polonia”. É máis, Carrera non esconde que “na miña mente e o meu corazón está gañar. Eu teño a idea e a certeza de que podemos loitar polos metais tranquilamente, pero todo hai que disputalo. Poñerse no cepo, colocarse e dar o mellor de un mesmo”.

O padeeiro vigués agradece o apoio de Máis que Auga, porque lle permite enfrontar a tempada con máis tranquilidade e agora so pensa en ir dando pasos día a día. “Primeiro, Polonia e despois xa pensaremos na seguinte proba. Esta tempada temos os Xogos Europeos o Mundial… Pero para chegar aí primeiro hai que facer un gran traballo en Poznan, e niso estamos centrados”.

 Roi Rodríguez

E se Óscar xa ten a súa competición a volta da esquina, pouco máis terá que esperar Roi Rodríguez (Vigo, 1994), que estará presente na Copa do Mundo de Duisburg (do 30 de maio ao 2 de xuño) na modalidade de K-1 1.000 metros.  Roi conta que “esta Copa do Mundo de Duisburg é unha proba moi importante para min, xa que será a primeira competición internacional do ano e poderei medir o meu nivel a esta altura da tempada. Ademais, se consigo finalizar entre os 5 primeiros, acadarei a clasificación para o Mundial, o que é sen dúbida unha motivación extra”. Aínda así, habería máis oportunidades para disputar o Mundial, pero “sempre é mellor asegurar os obxectivos canto antes e así poder realizar a preparación para o Mundial sen distraccións”.

A preparación está a ser dura: “Nas últimas semanas estiven adestrando en Portugal co actual campión do mundo e foi un pouco duro, pero estou convencido de que valeu a pena o esforzo”.

Roi ten moi claro o obxectivo da tempada: “A tempada é moi longa e o obxectivo principal é acadar unha das prazas para os Xogos Olímpicos de Tokio, que estarán en xogo no Mundial, a finais de agosto en Szeged (Hungría). Ademais, haberá outras probas como os Xogos Europeos en xuño, pero sempre co obxectivo do Mundial en mente”.

Desde  Máis que  Auga desexámoslles a mellor das sortes a ambos!