Os ‘runners’ Máis que Auga toman as rúas de Vigo

15/11/2018

O equipo de runners de Máis que Auga que participa no circuíto de carreiras populares Run Run Vigo ven de rematar a tempada 2018 como líderes en número de participantes e no terceiro posto polos puntos conseguidos.

A coñecida como marea amarela, pola cor da súa camiseta, participou nas oito probas disputadas entre abril e novembro deste ano. O grupo adestra cada semana e prepara as probas da man dos técnicos de Máis que Auga, baixo a dirección de Alex Brea.

Brea destaca que neste grupo que reúne a unhas 110 persoas, “o que atopan os participantes é unha resposta eficaz para planificar os seus adestramentos e ser quen de progresar”.

A súa presenza expandese tamén fóra de Vigo, xa que moitos deles participan en carreiras en toda a xeografía galega ou española, como a popular San Martiño de Ourense ou a impresionante Behobia-San Sebastián do País Vasco.

Superar retos ou descubrir unha nova paixón son algúns dos seus obxectivos como indica Dolly García: “para min o running é moito porque che permite desconectar de todo ao aire libre. Pero eu nunca imaxinei que podía ir a máis”. E é que é habitual vela nos podios da súa categoría no circuíto Run Run Vigo.

Como recoñece Antonio Salinas, un dos veteranos do grupo, “aquí xuntámonos porque buscamos un adestramento dirixido para alcanzar cada un o seu reto: o meu é estar na media maratón Vig-Bay do vindeiro ano, e iso non o podes improvisar”.

Para Noemí Gómez, outra integrante deste equipo onde a presenza feminina destaca cada vez máis, sinala que “o equipo de running funciona como un grupo con moita cohesión e compromiso. Ademais é unha plataforma que integra outras experiencias deportivas: hai xente que agora fai trail , tríatlon ou que se apunta a maratóns, e empezaron só por correr en grupo”.

Entre as carreiras disputadas no circuíto Run Run Vigo moitos deles prefiren a nocturna Correndo por Vigo que ten lugar en xuño en Travesas polo carácter de barrio e o seu gran ambiente. Outras, como a da Cereixa en Beade, resultan máis técnicas e estenden o deporte fóra do circuíto urbano. Pero a Vig-Bay polo seu carácter de media maratón é o reto principal para este grupo que fai do running unha paixón vivida colectivamente.