Os piragüistas Roi Rodríguez e Óscar Carrera, novos deportistas Máis que Auga

24/06/2019

A familia de deportistas Máis que Auga segue crecendo. Esta tempada  incorporamos ao grupo aos piragüistas vigueses Óscar Carrera e Roi Rodríguez, os cales, pese a súa xuventude, xa contan cun magnífico currículo deportivo e moitas expectativas de futuro. A máis ambiciosa: Disputar os Xogos Olímpicos de Tokio 2020. Máis que Auga quere axudarlles neste soño.

 

Ambas partes (deportistas e empresa) asinaron un convenio, polo que a nosa empresa apoiará a súa carreira deportiva, mentres que eles colaborarán con Máis que Auga na divulgación da práctica deportiva.

 

Roi Rodríguez (1994, Vigo) busca este ano a súa clasificación para os Xogos de Tokio. Precisamente o padeeiro galego atópase nestes intres en Minsk (Bielorusia), onde se están a disputar os Xogos Europeos, co obxectivo de acadar a clasificación para o Mundial de Szeged (Hungría). Para iso ten que quedar entre os cinco primeiros clasificados na modalidade de K-1 1.000 metros.  Roi chega a esta cita despois de superar unha pequena lesión muscular e espera estar ao cento por cento para acadar este primeiro gran obxectivo da tempada.

 

Óscar Carrera (Vigo, 1991) xa conta cun diploma olímpico no seu poder (Río 2016) e agora quere volver repetir a experiencia. En Río participou en K-4 1.000 metros, e agora se está preparando para K-2 1.000 metros xunto ao seu compañeiro Rubén Millán. Participaron esta tempada  na Copa do Mundo de Poznan (Polonia), onde remataron na quinta posición na final B.

 

Dende hai varios anos, Máis que Auga colabora, tanto con deportistas a nivel individual como con clubs, co obxectivo de acompañalos no seu día a día, nunha acción dentro da súa política de responsabilidade social corporativa. A empresa deportiva viguesa entende que todos eles representan os valores e a filosofía de Máis que Auga.