Os pequenos elixen deporte en Máis que Auga

21/10/2018

As actividades infantís de Máis que Auga integran unha gama de exercicios para que os máis pequenos tomen contacto co deporte de xeito gradual e adaptado á súa idade.

O deporte non ten idade e a adquisición de hábitos deportivos é un proceso de asimilación que empeza desde moi cedo. Pero a certas idades é preciso contar co persoal máis preparado para combinar aprendizaxe e entretemento, ofrecendo a rapaces e rapazas unha ocasión de progresar e superar os seus propios retos, tanto en actividades de sala como en piscina.

En Máis que Auga podes contar co apoio dun adestrador persoal tamén para os rapaces e rapazas, co fin de mellorar o desenvolvemento deportivo específico en idades temperás, ou para axudar na recuperación de lesións.

Actividades para a aprendizaxe

As actividades de sala abranguen desde a loita e o exercicio físico ata o deporte coreografiado e con acompañamento musical.

  • As actividades de loita permiten desenvolver os variados aspectos físicos asociados ao deporte como son o equilibrio, o crecemento, a potencia e a coordinación muscular, e tamén o control emocional necesario nas actividades de contacto físico e grupal. Son tamén unha boa ocasión para a socialización, como todos os deportes en grupo e están dispoñibles para rapaces de 4 a 16 anos.
    O Taekwondo é un deporte marcial ou de loita no que se usan as mans, as pernas e os pes para atacar ou defenderse do contrario. Ten unha longa traxectoria en Máis que Auga grazas á presenza da adestradora nacional María Batista, destacada xuíza internacional deste deporte desde 2005 e mellor xuíz árbitro de Galicia en 2015.
    Os rapaces e rapazas de Máis que Auga participan en diversas competicións galegas ou exhibicións desta especialidade.
  • O Wodfit Kids e o Wodfit Junior son actividades que representan o primeiro contacto co exercicio físico para rapaces e rapazas de 4 a 14 anos. Unha gama ampla de exercicios funcionais combinados en series, que buscan o desenvolvemento específico de grupos musculares a través da acción e o xogo.
    O box é o espazo específico para desenvolver estas actividades, nas que se empregan obstáculos e elementos ximnásticos de peso, equilibrio, axilidade ou forza nunha atmósfera de xogo.
  • O Pilates Kids adapta ao público infantil esta actividade de mellora postural realizada a través de exercicios de forza, control e flexibilidade, insistindo sempre no aspecto lúdico.
    O Ioga Kids pertence tamén a esta gama de deportes de mellora física e emocional e da psicomotricidade, adaptados aos rapaces, que fomentan o autocontrol, a autoestima e a capacidade de concentración. Baséase en exercicios posturais, control respiratorio e relaxación.
  • O Zumba Kids e Zumba Xove son actividades baseadas no emprego da música e a coreografía para realizar movementos ximnásticos. Actividade caracterizada por unha atmósfera lúdica e participativa onde se traballa o exercicio físico con axuda de ritmos latinos desde a salsa ao reggaeton.