OS NOSOS RUNNERS, PROTAGONISTAS NA CONTRARRELOXO POR EQUIPOS DE VIGO

15/03/2022

A Contrarreloxo por Equipos de Vigo é unha das nosas probas favoritas, xa que temos a oportunidade de traballar en equipo  e presentar unha nutrida representación do noso equipo de  runners. E esta edición aínda máis desexada, despois dun ano de ausencia pola pandemia da  COVID, que impediu a súa celebración en 2021.

 

Así que este sábado 12 de marzo presentámonos á proba con 6 equipos e máis de 50 corredores (3 mixtos, 2 masculinos e 1 feminino), dun total de 54 equipos para as categorías feminina, masculina e mixta. Contámosvos como discorre a proba. Cada equipo pode estar formado por entre 6 e 9 participantes, o grupo ten que chegar xunto a meta, polo menos con seis participantes, xa que o sexto corredor en entrar en meta é o que marca o tempo. A saída é graduada (cada minuto) e o percorrido é de 5 quilómetros na contorna do Paseo das Avenidas e o Peirao de Transatlánticos de Vigo.

 

Nesta ocasión, a choiva foi unha das protagonistas da xornada e aínda que complicou un pouco a marcha dos deportistas, non puido coas súas ganas de pasarllo ben e competir nun magnífico ambiente. Cada vez que un dos nosos equipos pasaba ante nós, dedicábanos un sorriso, unha chiscadela ou un xesto e respondiámoslles con berros de ánimo. Os resultados foron bos, como sempre porque os nosos  runners nunca decepcionan, aínda que o máis importante é que ao finalizar a proba todas e todos estean satisfeitos. Así, un dos nosos equipos mixtos logrou a segunda posición, mentres que o feminino foi cuarto clasificado. Nesta proba os premios son para os catro primeiros clasificados de cada unha das categorías (mixta, masculino e feminino), pero non podemos deixar de contarvos en que consiste o premio, porque non pode ser máis adecuado nunha proba que se realiza sobre os peiraos. Aí imos cos recoñecementos: O premio para o primeiro clasificado é unha  mariscada; para o segundo e terceiro, 4 centolas e para o cuarto clasificado, 2 quilos de langostinos! Así que  marisquito!

 

E agora, unha vez realizada unha das nosas carreiras favoritas do ano, chega o prato forte: A  Vig  Bay, que se celebrará o día 10 de abril. Sabedes que estamos xa moi centrados na preparación desta dura proba, todo un reto para os nosos deportistas e, por suposto, alí estaremos para contárvolo!