OS NOSOS PEIXIÑOS XA NADAN NAS PISCINAS MÁIS QUE AUGA

04/10/2020

Comezaron os cursos de piscina para nenos e volveron a Máis que Auga as risas, e tamén algún choro, os bañadores de cores rechamantes, as  chanclas de animais, os gorros máis simpáticos e a ilusión neses pequenos rostros, tapados por  coloridas máscaras no seu percorrido cara á piscina.

 

Moita orde nestes pequenos que comezaron cos ollos moi abertos un pouco á expectativa, pero que se ían soltando a medida que pasaban os minutos e podían entrar na auga. Alí todo era coñecido. Os seus profes, que non perden o sorriso aínda que estea oculto pola máscara, os exercicios e os xogos que moitos xa coñecían, os mergullos e os churros… 45 minutos que pasaron voando e mentres volven ao vestiario, coas súas máscaras e as súas  chanclas, os monitores  desinfectan o material común para a seguinte clase.

 

Daniel, que é un dos nosos calamares, foi a clase xunto ao seu pai e explicounos ao finalizar a súa clase que o pasou moi ben na volta á piscina: “xa tiñamos moitas ganas de volver e de ir recuperando aos poucos a normalidade”, explicou o seu proxenitor, quen asegurou estar satisfeito coas medidas de seguridade tomadas.

 

Ana é unha das asiduas aos cursos de piscina de Máis que Auga: “Empezou cando tiña ano e medio e claro que tiña moitas ganas de volver e divertirse”, díxonos o seu pai, quen recoñecía que ao principio tiñan un pouco de medo lembrando as aglomeracións doutros anos, pero “estaba todo moi ben organizado e non houbo problemas”. Ana foi unha das que preferiu vestirse e ducharse en casa, onde lle esperaba a súa merenda, que reclamaba mentres conversabamos co seu pai.

 

Cristian foi con Amaia -dun ano e 4 meses- por primeira vez a Máis que Auga e a nena gozou moitísimo da súa clase. “Foi a nosa primeira experiencia e se é por ela, aínda estabamos na auga, porque lle encanta. Así que a próxima semana estaremos aquí como un cravo”. Cristian contounos que se fixeron socios de Máis que Auga no mes de febreiro e “veu o confinamento, polo que non puidemos vir aos cursos. E estivemos a esperar que se fose normalizando un pouco isto”. Ademais cre que as medidas adoptadas son boas e séntese seguro. “Ves que hai xente de limpeza todo o tempo, como o teñen todo disposto para evitar aglomeracións… Así que estamos contentos e con ganas de ir recuperando a normalidade”.

 

Catuxa e Mateo, tamén habituais, regresaron felices despois de tantos meses sen pisar a piscina. Ademais, Mateo (de cinco anos) atopouse coa sorpresa de que pasou á piscina grande, polo que estaba moi orgulloso. Yolanda, a súa nai, estaba encantada de volver e sobre todo de velos tan contentos. Sobre a organización, destacou o número de persoas que había para axudar nestes primeiros días e insistiu en que “este proceso irá perfeccionándose aos poucos, xa que cos días iranse vendo os erros e emendando, como nos pasa a nós nos nosos traballos”.