OS NOSOS NOEMÍ ÁLVAREZ, ROSA ÁLVAREZ E MIGUEL COSTAS, NO PODIO DO CIRCUITO RUN RUN VIGO

16/12/2023

Finalizou o circuíto Run Run Vigo 2023 e como sempre o equipo de running Máis que Auga estivo entre os destacados. Desta forma, tres dos integrantes do noso grupo subiron ao podio! Eles son Noemí Álvarez, que venceu en F-1; Rosa Álvarez, segunda en F-5 e Miguel Costas, bronce en M-3.

 

Eles soben ao podio e nós presumimos deste equipazo que non deixa de darnos alegrías. Así que quixemos falar con eles para facer balance da Run Run. Noemí Álvarez fixo unha tempada primorosa e asegurou que está un pouco sorprendida e feliz: “Estou moi contenta co resultado. No principio do ano a miña única intención era participar en todas as carreiras do circuíto, o que non esperaba era obter este resultado final. É verdade que despois de disputar varias carreiras e ver os resultados, pois empecei a pensar en que había posibilidades de, polo menos, estar entre as 3 primeiras”.

 

A carreira preferida de Noemí é a 5+5 do Calvario, porque “para min é a máis esixente de todas. Ademais é a miña zona de confort e o apoio do público dá un extra de motivación”, mentres que a que menos lle gustou foi a de Erguete.

 

Noemí destacou o fantástico grupo que ten o equipo de running MQA: “É un grupo estupendo, unha piña e iso nótase. Hai moito compañeirismo, sempre animándose uns a outros. Así dá gusto ir correr”.

 

Rosa Álvarez volveu subir ao podio en F-5 como o ano pasado, pero este ano foi segunda. E que ninguén pense que está desilusionada porque non puido gañar como en 2022, “o meu obxectivo era correr todas as carreiras e puiden facelo e se encima subín ao podio, que máis podo pedir! Ademais, lévome fenomenal con Carmen, a gañadora, que é unha corredora excelente. Ademais, ao ser a última categoría, a medida que cumpra anos, irán entrando xente máis nova que eu, polo que xa estou preparada”. Este ano, outra vez, atragantóuselle a carreira da Cereixa, tanto que estivo a piques de abandonar: “Estaba enferma e a pesar de que facía moita calor, eu tiña frío. Custoume moito, pero conseguín acabala, e cumprir o obxectivo”.

 

Rosa, ademais, asegura que para ela o maior premio é “o grupo que temos, a unión, o ben que nos levamos, como nos axudamos… Por iso quero dar as grazas ao equipo, porque somos como os tres mosqueteiros, todos a un tempo”. A nosa veterana atleta xa pensa na próxima edición do circuíto, que afronta igual, co obxectivo de disputar todas as carreiras.

 

E finalizamos a nosa conversación con Miguel Costas, que ocupou a terceira posición en M-3. Miguel incorporouse ao grupo de running de MQA en setembro de 2017 e “os compañeiros recibíronme cos brazos abertos desde o primeiro día. Somos un grupo heteroxéneo en canto a idades e ritmos de carreira, pero todos moi bos compañeiros. De feito, para saír a adestrar un día frío e chuvioso de inverno ás 21:15 horas á parte de gustarche correr tes que ter un plus de motivación e iso dácho o saír con eles e o míster”.

 

Miguel leva xa 6 anos disputando a Run Run, pero en 2023 marcouse o obxectivo de disputala enteira e conseguiuno e co premio extra do podio. Para el a carreira máis dura foi a VigBay, xa que “me deu unha picada no quilómetro 8 no xemelgo e cheguei como puiden á meta”. No outro extremo, a súa preferida é a de San Xoán porque “me gustan as rápidas (sen costas) e se é nocturna, mellor e está cumpre os 2 requisitos”. Pero tamén lle gusta a de Samil, pola contorna e Vigo +11, porque a saída e meta están diante de MQA.

 

Miguel, como os seus compañeiros, xa ten na cabeza a Run Run 2024. “Xa estou a pensar nas escaleiras que hai que subir para chegar á cima do Castro, na primeira proba da Run Run 2024. A miña idea é volver disputala enteira, o de repetir podio xa se verá co tempo”.