OS NOSOS DEPORTISTAS, IMPARABLES A PESAR DAS RESTRICIÓNS

18/02/2021

Estes tempos convulsos tamén o están sendo para os deportistas  Máis que  Auga, que se están atopando con dificultades para adestrar, sobre todo se se encontran en Galicia. Pero, a pesar de todo, fóronse  apañando para ir superando as adversidades e seguir adiante coa súa preparación. Falamos con algúns deles para ver como están e os seus plans futuros.

 

Así Chano Rodríguez, que segue en Vigo, está de peregrinaxe para poder continuar coa súa preparación na auga. A Xunta de Galicia autorizou que os deportistas internacionais puidesen utilizar instalacións deportivas, co obxectivo de que manter a súa preparación, polo que Chano pode adestrar no Centro  Galego de Tecnificación Deportiva en Pontevedra, na piscina do Carmen en Vigo ou no Galaico. O problema? Atopar horarios para todos, polo que hai que ir movéndose dun lugar a outro. Chano explícanos que bota de menos  Máis que  Auga, pero que tenta ir  apañado alternando outras instalacións, mentres que fai na casa o traballo de ximnasio.

 

E é que, ademais, ten unha competición ao virar a esquina. Esta fin de semana participa en Barcelona nun Open internacional, ao que acode normalmente todos os anos. “En 2020 foi a última competición antes do confinamento”, explica. A súa preparación non estivo centrada en Barcelona, pero  vai disposto a loitar ao máximo, “aínda que a miña proba disputarase pola mañá  e iso non é o mellor”. Ademais, a finais de marzo celebrarase en Castellón o Campionato de España e en maio, o Europeo en  Madeira. E todo iso, cos Xogos  Paralímpicos no horizonte e a necesidade de conseguir a marca.

 

Aroa  Sío é outra das deportistas que está en Vigo, polo que se quedou sen  Máis que Auga: “Boto de menos o  gym, non polos exercicios, porque no meu caso podo facelos en casa, pero polo ambiente, a piscina, aprender exercicios novos…”. Así que, mentres, a traballar en casa e no monte. A terceira onda polo COVID-19 si que alterou os seus plans, xa que “tiña previsto irme a  Madeira a competir no  trail de Porto  Muniz e a quedarme de paso unha semana máis para adestrar no  camp  que organiza  MIUT, pero suspendérono todo polo  COVID, incluso unha carreira prevista en abril, que pertence ao circuíto do Campionato do Mundo Ultra. Aprazárona ata novembro. Así que toca esperar!”. Pero como  Aroa sempre busca ver o vaso medio cheo, xa lle atopou o lado positivo: “Quizais me veña ben e todo, xa que supoño que igual hai choiva nesas datas e iso benefíciame”.

 

Aroa segue adestrando, pero cun pouco máis de calma, xa que quere alcanzar o pico de preparación preto dunha das carreiras do circuíto do Campionato do Mundo e iso está como está. Nestes intres, a día de hoxe, as carreiras que ten confirmadas son Austria (en xuño);  Mont  Blanc (agosto) e  MIUT Madeira (novembro).

 

Un dos que estaba fóra de Galicia é Roi Rodríguez, que levaba mes e medio concentrado no Centro Especializado de Alto Rendemento de Piragüismo de Sevilla. Precisamente regresou a casa estes días despois desta longa estancia en Sevilla, concentración que fai habitualmente co equipo nacional. O noso padeeiro asegurou estar nun bo momento, con boas sensacións adestrando, pero falta a competición. E competición, se nada se torce, terán en breve. Para o 8 de marzo está previsto o Galego de Piraguismo de Inverno e quince días despois celebrarase o Campionato de España. Proba clave será o selectivo para os Xogos Olímpicos, que terá lugar a mediados de abril e se o pasan, posteriormente acudirían a unha Copa do Mundo. Hai que recordar que o obxectivo máis ambicioso desta tempada de Roi, xunto ao seu compañeiro Albert Martí,  é o de acadar a clasificación para os Xogos Olímpicos, na proba K2-1.000 metros.

 

Antonio  Serrat pasouse o mes de xaneiro en Lanzarote adestrando, algo que fan habitualmente os triatletas no inicio da tempada, en busca de mellores condicións climatolóxicas. Regresou hai dez días aproximadamente e estivo a se desprazar ata Pontevedra ( CGTD) para poder adestrar na piscina e, o domingo, decidiu regresar a Lanzarote, onde permanecerá ata o 7 de marzo. “Por aquí as restricións son menores que en Galicia e a zona na que estamos é moi tranquila, polo que podemos adestrar ben”. Desgraciadamente non ten competicións á vista, xa que as primeiras que marcara no calendario quedaron suspendidas pola situación actual e confía en que en marzo conten cunha programación máis segura, sobre todo porque os Xogos Olímpicos seguen marcados en vermello no calendario.