Os kids de Máis que Auga aprenden ballet ao ritmo de Cascanueces

20/11/2019

Ao ritmo de “La danza del Hada de azúcar”, unha das pezas máis destacada do ballet Cascanueces, do xenio ruso Chaikovski, van aprendendo os primeiros pasos de ballet clásico as e os nosos nenos na súa clase de Ballet Kids, en Máis que Auga Navia.

Esta nova actividade comezou no mes de setembro en Navia e vai dirixida a nenos e nenas a partir dos catro anos de idade. A súa mestra é Débora da Silva Lima que ofrece aos seus alumnos unha clase divertida e lúdica, pero na que tamén aprenderán a coñecer a música clásica. Como grandes profesionais, os nosos pequenos comezan a clase co quecemento e despois chega o momento de practicar as posturas e os pasos de ballet. Así non os sorprendades cando cheguen a casa explicando como se fai o plié ou o relevé, ou leven uns dibuxos coas figuras, porque Débora lles da cada día unha plantilla para colorear coas posición dos pés ou dos brazos que están aprendendo.

Cales son os obxectivos principais desta actividade? Así nolo explica Débora: “Consciencia corporal, motricidad, musicalidad y ritmo, flexibilidad… E todo dende a base do ballet clásico en pasos, postura e vocabulario”.

Sen dúbida unha gran experiencia para os nosos rapaces (nenas e nenos) que comezan a gozar dende o momento de vestirse (cos seus maillots, as faldas ou tutus), aínda que o único que necesitan é roupa cómoda e se non teñen zapatillas de ballet poden ir en calcetíns.

Se estades interesados, non dubidedes en preguntar na recepción de Máis que Auga Navia, onde poderán facilitarvos toda a información sobre o curso, que se celebra o luns ás 18:45 horas.