OS ESTUDOS CONFIRMAN QUE A INCIDENCIA DE CORONAVIRUS NOS XIMNASIOS É MÍNIMA

28/02/2021

A pesar de que o sector do fitness e do deporte é un dos máis afectados polos peches durante esta pandemia pola COVID-19, o certo é que os estudos existentes confirman que a incidencia do coronavirus nos ximnasios é moi baixa e por tanto non ten ningunha relación cun aumento de casos positivos.

 

Esa é a conclusión á que se chega neste artigo no que se preguntan: Que din os estudos acerca do COVID nos centros deportivos? Así, decidiron analizar varios estudos realizados en diferentes países sobre a relación entre centros deportivos e COVID-19.

 

O primeiro dos estudos que valoran é o realizado polo grupo de estudo TRAIN xunto a outras institucións en Noruega. A mostra utilizada foi de persoas entre 18 e 64 anos sen ningunha patoloxía previa relacionada coa  COVID.  En total foron seleccionados 3.764 participantes (1.929 mulleres e 1.835 homes) e, despois de dúas semanas de estudo e tras a realización de probas  PCR, non se detectou (nin entre os clientes nin nos traballadores) ningún caso de contaxio de  COVID nos centros deportivos.

 

O segundo estudo foi realizado en Colorado polo Oregon Consulting Group, que buscou relacionar a asistencia aos ximnasios cos casos de coronavirus, collendo un período de 32 semanas (marzo-outubro). Durante este tempo contabilizáronse 8,5 millóns de visitas aos ximnasios e máis de 59 brotes de coronavirus nesa zona, pero ningún deles relacionados con centros deportivos. Ao mesmo tempo, outra análise atopou unha relación inversa entre a asistencia ao ximnasio e as taxas de positividade.

 

Finalmente, un estudo realizado en Rusia tratou de reflectir a importancia de realizar exercicio físico para tratar de reducir a gravidade do COVID-19. Segundo a enquisa que realizaron, a probabilidade de infectarse por COVID era un 26% maior naquelas persoas que non facían deporte regularmente e ademais era un 49% menos severo naquelas persoas que eran activas.

 

E xa non falamos da melloría no estado anímico que aprecian as persoas ao realizar actividade física ou deporte. As investigacións confirman que o exercicio ten un efecto ansiolítico,  tranquilizante ou  anti-ansioso, algo especialmente importante nun momento como o actual, no que a sociedade está preocupada e tensa ante os problemas económicos e de saúde que estamos a vivir, así como a falta de contacto interpersoal, que sen dúbida afecta tamén o ser humano.