Os deportistas Máis que Auga tiran de enxeño para seguir adestrando

29/03/2020

Estes días de reclusión están a ser complicados para todos. Ademais da vida persoal, á maior parte da cidadanía tamén lles cambiou a vida laboral, xa que ou ben teñen que tomar medidas de protección moi especiais ou ben, tivéronse que quedar na casa sen traballar. Así, para os nosos deportistas Máis que Auga a súa tempada sufriu unha sacudida e, como no resto de actividades, sen saber cando se acabará esta situación ou se poderán volver competir esta tempada. Así que nos puxemos en contacto con eles para saber como e onde están e cales son as súas expectativas, sobre todo agora que xa se anunciou o aprazamento dos Xogos Olímpicos.

 

A semana anterior ao confinamento, o padeleiro Roi Rodríguez estaba a adestrar en Tui co seu compañeiro de  K2 Albert  Martí, polo que organizaron o peche en casa de Roi, onde converteron o garaxe nun improvisado ximnasio. “Cando anunciaron o borrador do Real Decreto, metín algo de material de adestramento en casa porque non sabiamos o que ía pasar moi ben, e ao final foi a decisión máis acertada. Teño as sorte de vivir nunha casa e teño algo de espazo no garaxe, que agora está reconvertido a un  mini ximnasio (aínda que  non está á altura de  Máis que  Auga), e teño un simulador de kaiak así como unha bicicleta con rodete da miña irmá Iria que é triatleta”, manifestou Roi. O seu compañeiro de  K2 Albert, que é catalán, quedouse na casa de Roi e así están a adestrar xuntos, o que lles está permitindo ter unha rutina de adestramento e levar mellor o confinamento.

 

Falar da tempada agora mesmo é case imposible, porque non se sabe moi ben que vai pasar, máis aló do aprazamento dos Xogos. “Non sabemos como vai discorrer, ademais dos JJOO hai competicións internacionais como o Campionato de Europa, programado para inicios de xullo, que espero que se poida realizar senón é nesa data, un pouco máis tarde para ter polo menos este ano algún obxectivo”, explicou Roi, quen recoñece que “non é a tempada que esperaba, pero non a dou por perdida do todo”. Ademais, buscando o lado positivo a esta complicada situación: “Teremos algo máis de tempo para preparar o  K2 para os  JJOO do ano que vén, xa que é un barco bastante novo para os dous”.

 

Antonio  Serrat tivo a sorte de que estaba na casa cando anunciaron o estado de alarma. “Estaba a piques de viaxar a Estados Unidos para participar na Copa do Mundo de Sarasota (22 de marzo), pero xa non puiden polo peche das fronteiras. Estiven a piques de adiantar a viaxe, pero pareceume un pouco arriscado pola situación. Ao final, a carreira que ía correr alí suspendeuse”.

 

Agora adestrar confinado en casa é máis complicado, pero o triatleta vigués está a ser imaxinativo. “Estas semanas estou a realizar sesións indoor, cun rodete para a bicicleta e cunha cinta para correr, que me cedeu Máis que Auga. Con respecto á natación, tento simulala con exercicios de ximnasio, tamén grazas ao material que me cedeu Máis que Auga”, indicou.

 

Estes días de corentena son complicados, pero “O máis importante é non perder a motivación e tentar manterse o mellor posible”. Falar da tempada é complicado, aínda que o que se escoita no mundo do tríatlon é que “o máis probable é que todas as competicións se atrasen e empecen a mediados de verán, polo que haberá tempo para iniciar con calma os adestramentos e preparar ben as competicións”. Os Xogos de Tokio eran un soño, aínda que complicado, para Serrat. Agora que se confirmou o aprazamento, o deportista pensa que é o “máis conveniente non soamente polos deportistas senón por toda a xente que move un evento deste tipo, xa que o máis importante é a seguridade das persoas”.

 

 

A atleta Ester Navarrete estaba na casa cando se produciu a declaración do Estado de Alarma, así que aquí continúa adestrando no seu domicilio. “Estou a traballar sobre todo forza e cardio, na medida das miñas posibilidades ao atoparche na casa”. Ademais, Máis que Auga prestoulle unha cinta para poder correr e manter así o seu estado de forma.

 

Falar de futuro é moi complicado, sobre todo nesta situación de absoluta incerteza. “Haberá que esperar a ver como evoluciona isto e a partir de aí ver como pode ir a tempada”, explica Ester, que se por algo se caracteriza é polo seu optimismo e loita: “Nunca dou por nada perdido”. Sobre a decisión do Comité Olímpico Internacional de atrasar os Xogos Olímpicos de Tokio, parécelle “o máis razoable, sensato e xusto para todos”, xa que nin todos os deportistas chegarían nas mesmas condicións, nin se podería garantir a seguridade de todos.