Os consellos do mestre Rubén Molinero para os reis da casa

22/04/2020

Rubén Molinero, socio de Máis que Auga Navia, é outro dos nosos heroes. Mestre de Educación Infantil, Primaria e Educación Física no CEIP Balaídos, foi nomeado terceiro mellor profesor de Educación Infantil de España en 2018 nos premios Educa Abanca e segundo nos V premios InspiraTICs da fundación Amancio Ortega. Agora, como case todos, está confinado na casa coa súa familia, en contacto cos seus alumnos e alumnas de forma telemática e disposto a compartir con nós a súa experiencia e ofrecernos algúns consellos para levar esta atípica situación da mellor forma posible.

 

Rubén é pai de dous fillos (unha nena de 9 anos e un rapaz de 5) e entende mellor que ninguén os apuros que estamos a ter cos nenos pechados na casa xa tantas semanas. Por iso, da súa man chegan bos consellos para levar o confinamento: “O primeiro de todo é ter moita paciencia, porque todo isto vai pasar. Temos que entender que para eles isto é algo moi complicado, polo que, sen ser permisivos, debemos ter un grado de tolerancia maior da que temos en circunstancias normais”. Ademais “é importante ter unha rutina. Durante a semana levantarse todos os días á mesma hora, vestirse, facer as tarefas do colexio á mesma hora… É importante ter uns tempos de traballo, de xogos, de tarefas domésticas… Que todo estea marcado para que os nenos e nenas teñan a súa rutina. Ademais, tamén é importante que cada un teña o seu espazo e o seu tempo, hai que crear espazos individuais e tamén conxuntos…” E para rematar, “que a familia teña un espírito de equipo, que todos teñen que axudar e colaborar, para que este tempo de confinamento sexa o máis levadeiro posible”.

 

Rubén fainos unhas propostas para facer na casa e ponos o exemplo do que está a facer el e a súa familia. “Nós estamos optando moito polo xogo simbólico, que consiste en que os nenos e as nenas imiten situacións reais cos seus medios e a imaxinación. Así, nós temos os mércores e venres unha tenda na súa habitación na que nos venden cousas que estiveron preparando durante a semana, que non teñen que ser materiais. Por exemplo, nos venden un baile que estiveron ensaiando durante a semana a 40 céntimos; marcapáxinas ou manualidades que crearon eles mesmos a 60 céntimos. E despois con ese diñeiro, poden comprar chuches para a película do sábado en familia”.

 

Outra proposta é animar aos nenos a que descubran algo novo… ler, música, manualidades, pintar… “Agora temos momentos dos que antes non dispoñíamos, porque os fillos comían no colexio ou tiñan actividades extraescolares… Así que podemos aproveitar para animalos a que descubran algo novo. No noso caso, despois de comer, estamos a ler media hora, nun período de tempo do que carecíamos antes, xa que os nenos comían no cole”. O que ten claro, o noso profesor, que por certo é un especialista en telemática, é que “debemos reducir o tempo de pantallas. É cómodo, porque se entreteñen con facilidade sos, pero contraproducente, xa que non lles permite explorar outras áreas do cerebro, como a imaxinación”. E Rubén tamén nos recorda que se nos quedamos sen ideas, hai  un montón de páxinas en internet que te propoñen multitude de xogos e propostas para os máis pequenos da casa.

 

Curso escolar

Durante o confinamento polo COVID-19, os centros educativos, seguindo as indicacións da Xunta, están ofrecendo aos alumnos/as un reforzo para consolidar o xa aprendido na clase. Precisamente Rubén é un especialista en áreas tecnolóxicas, algo que está a ser moi útil nesta situación.

 

Con respecto aos seus alumnos, Rubén está en contacto de forma diaria cos peques de 5 anos: “Facemos unha videoconferencia todos os días ás 12:00 e lemos un conto e falamos un ratiño. É unha forma de que vexan así tamén aos seus compañeiros”. Dos 18 nenos e nenas que ten na clase, conéctanse uns 9 ou 10. No caso dos maiores, de 4º e 5º de Primaria que lles dou robótica, facemos unha videoconferencia á semana. Organicei un pequeno libro en pdf, con recursos, vídeos, actividades, e una vez á semana, conectamos e resolvemos dúbidas”. Nestas idades son máis independentes e iso vese reflectido na participación: “Aquí están case todos e eles mesmos a demandan. Poden ver aos seus compañeiros, ao profesor e ademais, a robótica é unha materia que lles encanta”.

 

Que sucederá co curso escolar é unha pregunta que nos facemos todos e que preocupa especialmente aos país e nais. Está claro que non hai unha solución perfecta, porque esta é unha situación absolutamente imperfecta e anómala. Molinero entende que “sexa cal sexa a decisión que se tome, hai que pensar no mellor para os nenos e nenas, priorizar o persoal sobre o académico. Está claro que isto non é algo que poidamos resolver de golpe, como pasará noutras facetas, como a economía. Igual temos que abrir un pouco a man e ao longo dos vindeiros anos teremos que ir recuperando pouco a pouco. Ademais eu son dos que pensa que a educación ten que preparar para a vida, non é unha suma de contidos e de datos que hai que meter na cabeza para pasar de curso. Estamos nunha situación  de vida , na que moita xente vai a aprender moito, e penso que o académico, a nivel curricular, debe quedar nun segundo plano”.

 

E así rematamos unha conversa que podería ser moito máis longa, pero en nada Rubén ten que conectarse cos seus chiquitines de Primaria e lerlles o conto de hoxe, Eu non fun!. Así que rematamos cunha mensaxe optimista: “Sobre todo darlle ánimo a todo o mundo e pedirlles que teñan moita paciencia, porque todo isto pasará. Agora non vemos o final, pero pasará e nos vai a axudar a valorar cousas que antes tiñamos e non valorábamos”.