A OBESIDADE, A OUTRA PANDEMIA QUE AMEAZA Á HUMANIDADE

18/12/2020

Sabedes que sempre insistimos na importancia de ter unha alimentación sa e equilibrada e por iso dende hai moito tempo  celebramos charlas sobre nutrición, desmontamos mitos alimenticios e mesmo, desde as nosas redes sociais vos fixemos propostas de receitas sinxelas e sas, para animarvos a cociñar máis e escapar dos alimentos procesados.

 

Pois se antes eramos pesados, agora, coa pandemia da COVID-19, o somos moito máis. Con menos actividade física e unha mala alimentación aumentan de forma clara os problemas de saúde para  a nosa sociedade e por iso non nos imos a cansar de insistir niso. Ademais, está máis que demostrado que en tempos de  Covid a obesidade é un factor de risco e, pola contra, unha boa alimentación e actividade física axudan a reforzar o sistema  inmunológico e fannos fortes para enfrontarnos aos virus.

 

Hoxe traémosvos un artigo do Economista no que o  epidemiólogo Miguel Ángel Martínez-González afirma que “as dúas grandes pandemias que ameazan á humanidade hoxe en día son a obesidade e a Covid-19″. Así, este  epidemiólogo uniuse coa xornalista Marisol  Guisasola para escribir o libro ¿Qué comes?, un traballo que pode axudar e moito a todos os que queiran coidar a súa alimentación. Os autores desbancan mitos, aclaran lendas urbanas e falan sen andrómenas da industria alimentaria e farmacéutica. No libro que nos presentan, o doutor aposta pola dieta mediterránea, da que afirma que é a mellor do mundo. E lembra que o exercicio físico tamén é necesario para manter un estilo de vida saudable.

 

Non podemos estar máis de acordo, así que queremos recomendarvos esta lectura. Na ligazón, podedes ler o artigo, e lembrámosvos que en  Máis que  Auga Navia temos un gabinete de nutrición, dirixido por Conchi  Adrover, que vos pode dar as pautas para facer unha alimentación sa e equilibrada.