O World Padel Tour volve a Máis que Auga Navia esta fin de semana

18/03/2022

O World Padel Tour regresa a Máis que Auga Navia. A partir do domingo 20 de marzo, e durante tres días, o complexo de pádel de Máis que Auga Navia será sede da fase previa do Vigo Open 2022, unha das probas do circuíto mundial de pádel profesional, que este ano visitará 13 países. Como nas dúas edicións anteriores do WPT celebradas en MQA Navia, o acceso ao público será gratuíto ata encher o aforo da instalación.

 

A competición en Navia comezará o domingo 20 de marzo ás 09:30 horas e xa iniciamos cun prato forte, a nivel deportivo. A esa hora o vigués Nacho Vilariño disputará o seu primeiro partido xunto a o seu compañeiro José Luis González, polo que tocará madrugar para poder gozar deste enfrontamento contra Hugo García/Roberto Belmont. Vilariño destacou que “chegamos ben, con confianza despois do torneo de Reus, onde gañamos tres partidos bastante duros. Ademais aquí xogamos en casa, o que nos da ese plus”. O vigués coñece a Hugo García e destaca que “é un bo xogador madrileño, así que hai que loitalo para dar o primeiro pasiño”. Ademais, hai sesión continua xa que ás 10:30 horas comezará a xogar o tamén vigués Iago González Niño, que fai parella con Daniel Blanco Dopazo. E moitos máis partidos interesantes, para todos os amantes do pádel.

 

Ao longo destes tres días de competición se celebrarán no complexo de pádel de MQA Navia máis de 60 partidos nos que teremos a oportunidade de ver a grandes parellas tanto a nivel galego como nacional e internacional, que buscan a súa clasificación para a fase final do Vigo Open que este ano se celebrará no IFEVI (22-27 de marzo). Todas as persoas interesadas en acudir ao evento, poden achegarse ata Máis que Auga Navia xa que o acceso é gratuíto, iso si, ata encher o aforo existente.

 

Esta será a terceira vez que as nosas instalacións acollan a fase previa do WPT, o cal amosa a confianza e a aposta da organización do World Padel Tour polo traballo realizando dende Máis que Auga. Dende a primeira edición, celebrada no ano 2019, tanto a organización como os propios participantes destacaron a calidade das nosas pistas e do resto das instalacións. Ademais, as e os xogadores do WPT poderán desfrutar do novo céspede SUPERCOURT XN (oficial do World Padel Tour), xa que recentemente renovamos por completo o chan de varias pistas de Barreiro e de Navia.

 

A celebración desta fase previa en Navia supón o traslado das clases de pádel e reservas a Barreiro durante estes días, polo que pedimos desculpas a todas e todos os nosos usuarios, Moi pronto estaremos de novo, listos para acoller a nosa actividade habitual e cunha nova experiencia organizativa ás nosas costas, que nos permitirá seguir medrando.