O TIRADOR PARALÍMPICO JUAN SAAVEDRA, NOVO DEPORTISTA MQA

06/05/2022

A familia de deportistas Máis que Auga sumou un novo membro. O tirador paralímpico Juan Antonio Saavedra comezará este mesmo mes a adestrar nas instalacións de MQA Navia e poderedes velo pola piscina traballando de luns a venres. Así que hoxe conversamos con Juan para coñecelo un pouco máis e poder presentárvolo.

 

Juan Antonio Saavedra (1973, Pontevedra) practica deporte desde neno e en diferentes modalidades (balonmán, natación, tiro): “Inicialmente compatibilizaba natación e tiro. Desta forma, en 1998 competín no Mundial de natación e no de tiro”, explicou Juan. Así seguiu ata o ano 2002, no que deixou de competir en natación a nivel nacional e internacional e dedicouse en exclusiva ao tiro olímpico.

 

E é que para Saavedra o deporte é unha parte fundamental da súa vida: “É o que máis me gusta e de sempre encantoume a competición. Sen o deporte non sería eu”. E o deporte devolveulle a súa aposta en forma de resultados: Saavedra participou xa en cinco Xogos Paralímpicos e ten no seu poder dúas medallas olímpicas (unha prata e un bronce). Preguntámoslle a Juan se o obxectivo é ir a polos sextos e polo ouro e el responde con absoluta claridade: “O obxectivo prioritario para o ano 2022 é lograr a clasificación para os Xogos e, despois, gañar en todas as competicións nas que participe. Pero hai que ir paso a paso. O primeiro será lograr a clasificación”. E a primeira oportunidade chegará no mes de xuño, na Copa do Mundo de Francia, onde podería garantir a súa clasificación. A segunda oportunidade será en novembro no Mundial en  Emiratos Árabes.

 

Precisamente Juan Saavedra vén de competir esta pasada fin de semana en Granada na Copa do Rei, con magníficas sensacións e estupendos resultados, xa que se proclamou gañador. Así, apunta ao seguinte obxectivo, a Copa do Mundo, con optimismo.

 

O noso deportista falounos sobre o tiro olímpico, unha modalidade deportiva pouco coñecida en España, a pesar dos bos resultados que se logran. Juan explicou que “aínda que a ferramenta de traballo no meu caso é un rifle, o obxectivo non é disparar, senón buscar a perfección. Require unha concentración moi forte durante a hora, ou ás veces dúas horas, que dura a competición. É un exercicio físico e metal, e ademais necesítase un gran control do estrés, porque un  minifallo pode significar a diferenza entre clasificarche ou non, entre gañar ou quedar segundo”.

 

Por iso, “é unha loita contigo mesmo todo o tempo. Buscas algo imposible, que é a perfección, pero traballas para iso. Non hai un límite, sempre podes mellorar un pouco máis e aínda que a parte física é importante, porque tes que manter unha  carabina que pesa 8 quilos durante máis dunha hora, a experiencia conta moito”.