O seleccionador de natación paralímpica eloxia as instalacións de Máis que Auga

14/09/2015

O seleccionador español de natación paralímpica, Laureano Gil, eloxiou as instalacións de Máis que Auga Navia, despois de percorrer e supervisar o complexo vigués durante unha visita, realizada esta tarde. Gil estivo acompañado polo campión olímpico vigués Chano Rodríguez, deportista patrocinado por Máis que Auga.

 

O técnico español  indicou que “son unhas instalacións excelentes, que van a axudar a Chano a prepararse nun ano moi importante para el, xa que está en xogo acadar a mínima para os Xogos Paralímpicos de Río”. O seleccionador viaxou a Vigo para reunirse co deportista e o seu adestrador Alex Brea para planificar o traballo desta tempada.

 

Chano Rodríguez visitou hoxe o novo centro de Máis que Auga e saíu encantado das súas prestacións e posibilidades de adestramento. “Son incribles. O primeiro que me chamou a atención foi a luz que hai, que me parece moi importante para facer deporte. E despois, a zona de spa é impresionante”. O nadador paralímpico destacou que a instalación cumpre todos os requisitos de accesibilidade: “Non creo que ningún compañeiro en cadeira de rodas teña problemas neste centro, xa que cumpre sobradamente con todos os requisitos”.

 

Chano explicou que este ano é fundamental para el xa que “teño que acadar ás mínimas para Río, así que seguro que vou ser dos primeiros en utilizar a piscina de Navia, xunto ao meu adestrador”. O deportista adestra habitualmente no centro de Barreiro, aínda que coa nova apertura de Navia trasladará aí o seu centro de traballo xunto ao seu preparador. Rodríguez está a preparar os que serán os seus quintos Xogos Paralímpicos, despois de participar en Sidney, Atenas, Pekín e Londres, nos que sumou un total de 16 medallas (oito ouros, tres pratas e cinco bronces).

 

Máis que Auga Navia conta con dúas piscinas. A máis pequena dispón dunha rampa de acceso para facer máis sinxelo o acceso das persoas con discapacidade ou problemas de mobilidade. Ademais a piscina grande (de 25 metros)  ten unha altura máxima de 1,60, co fin de aumentar a seguridade para os usuarios, sen dificultar o nado. A instalación cumpre coa normativa para permitir o acceso ao discapacitados físicos. Desta forma conta con vestiarios adaptados para persoas con discapacidade, grúa móbil para a zona de auga, ascensores para acceder aos diferentes pisos, portas adecuadas para o paso de cadeiras de roldas e párking reservado para persoas con discapacidade.

 

As novas instalacións de Navia están a rematar a súa fase de probas e axustes, xa que teñen prevista a súa apertura ao público nas vindeiras semanas. Nos últimos días se está a intensificar o proceso de inscripción de socios nas súas diferentes modalidades. Máis que Auga dispón de centros en funcionamento en Vigo nos barrios de Coia e Barreiro.