O SEDENTARISMO PROVOCARÁ 500 MILLÓNS DE NOVOS ENFERMOS CRÓNICOS EN 2030 E UNHA FACTURA DE 300.000 MILLÓNS DE EUROS

27/10/2022

O informe da OMS sobre a situación mundial da actividade física 2022 é demoledor. Case 500 millóns de persoas terán cardiopatías, obesidade, diabetes ou outras enfermidades debido a inactividade física entre 2020 e 2030, o que supoñerá ademais un gasto de máis de 300.000 millóns de euros nesta década.

 

O Informe sobre a situación mundial da actividade física 2022 mide o grao de aplicación por parte dos gobernos das recomendacións realizadas pola OMS a través do Plan de acción mundial sobre actividade física 2018-2030 (GAPPA),  para axudar aos países a aumentar os niveis de actividade física dentro das súas poboacións, mediante o desenvolvemento e a implementación de políticas nacionais integrais. Catro anos despois do GAPPA, o primeiro informe sobre a situación mundial da actividade física mostra o lento progreso na implementación destas recomendacións nos países para lograr o obxectivo mundial dunha redución relativa do 15 % na prevalencia da inactividade física para 2030.

 

Os datos de 194 países amosan que os progresos son “lentos” e que “deben acelerar o desenvolvemento e a aplicación de políticas para aumentar os niveis de actividade física e, deste xeito, previr enfermidades e reducir a carga dos sistemas de atención sanitaria, xa sobrecargados”.

 

E nesa lenta melloría, hai diferenzas: “Aínda que a situación mellora, é máis frecuente que nenos e homes se involucren en deportes e actividades no exterior, mentres que as mulleres o teñen máis difícil para manterse activas fisicamente”, comentou a especialista da OMS Juana Willumsen. E ese dato xeral increméntase nalgunhas zonas, onde pesan moito as barreiras culturais: Oriente Medio é unha das rexións onde a brecha entre sexos é maior.

 

De acordo cos datos contidos no informe, menos do 50% dos países teñen unha política nacional de actividade física, dos cales menos do 40% son operativos. Ademais, só o 30% dos países ten directrices nacionais de actividade física para todos os grupos de idade. Como exemplo positivo, os representantes da OMS referíronse a Finlandia como país modelo en política de promoción do exercicio: “Nel a coordinación, o seguimento, os recursos financeiros e os programas de implantación en escolas e redes sanitarios están realmente mostrando resultados”, afirmou a xefa da Unidade de Actividade Física da OMS, Fiona Bull. Así que é posible!

 

A continuación, deixámosvos a ligazón co informe da OMS, por se o queredes consultar.

A ACTIVIDADE FÍSICA PREVÉN ENFERMIDADES

 

Así, desde Máis que Auga, só podemos sumarnos ás recomendacións da OMS lembrando que a actividade física regular prevén enfermidades e aporta beneficios tanto no aspecto físico como mental e en todas as idades. Por iso, queremos animarvos a seguir, a axudarvos a dar cada pasiño adiante e lembrarvos que o deporte é vida… Vive!