O sábado 8 de xuño celébrase a nocturna Correndo por Vigo con 1.300 participantes

06/06/2019

O sábado 8 de xuño celebrarase no barrio de As Travesas a sétima edición da Carreira Nocturna Correndo por Vigo cun total de 1.300 participantes, dos cales 250 son nen@s (de 1 a 15 anos). Ademais hai que destacar a participación de 170 deportistas do equipo Máis que Auga.

Hoxe tivo lugar a presentación do evento no Mercado de As Travesas, no que estivo presente Máis que Auga como un dos patrocinadores deste evento dende a súa primeira edición. No acto participaron o alcalde Abel Caballero; o concelleiro de Deportes Manel Fernández; José Luis Martínez, coordinador de Máis que Auga Coia; David Posada, en representación da organización; o xerente do mercado,  Delmiro Hermida, e deportistas de Discamino, ademais de representantes doutras empresas colaboradoras.

Peques. O programa de actos comezará as nove da noite coa celebración da Correndo por Vigo infantil, na que Máis que Auga é patrocinadora. A carreira conta con diferentes categorías dependendo da idade dos protagonistas, xa que poden participar na mesma nenas e nenos de 1 a 15 anos. A menor idade, menor distancia, pero sempre a mesma ilusión nas súas caras e máis cando reciban a camiseta conmemorativa que lles entregará Máis que Auga por ser @s nos@s super runners!

O prezo da inscrición destes deportistas en potencia foi de 1 euro, que se doará á asociación Discamino. En Máis que Auga consideramos prioritario a aposta polo deporte dende a etapa infantil para ter así unha vida saudábel e escapar da sedentarismo e os hábitos alimentarios incorrectos.

Correndo por Vigo. Trala proba dos máis pequenos, chegará o momento dos maiores, que terán dúas opcións: Unha carreira de 5 quilómetros e outra de 10. A saída en ambos casos será ás 22:00 horas.

Os atletas afrontarán un percorrido iniciado ante o mercado de As Travesas, en Florida, e que pasará pola Praza de América, Castelao, rúas Porriño, Baiona e Redondela, regreso a Castelao, rúa Quintela, Fotógrafo Ángel LLanos,  Praza da  Tellada, Darío Durán Gómez e Florida. O circuíto mide uns 5.000 metros, polo que os inscritos no 10 K deberán dar dúas voltas ao mesmo. O 10.000 é a quinta das nove puntuables para o circuíto  Run  Run Vigo de carreiras populares que patrocina o  Concello.

Como todos os anos Máis Que  Auga ofrecerá apoio loxístico para a celebración de proba. Desta forma, ao remate da proba as e os participantes poderán  utilizar gratuitamente os vestiarios e zona spa do centro de Coia.