O SÁBADO 4 DE MARZO CELEBRAREMOS A GRAN FINAL DE “OS NOSOS XOGOS” EN MQBOX NAVIA

02/03/2023

Despois de catro semanas de competición chegou o momento da gran final! O sábado 4 de marzo celebraremos en MQBOX Navia a final de “Os Nosos Xogos”, unha competición de crossfit que puxo a proba a forza, resistencia e habilidade das e dos participantes.

 

Pero imos empezar por contarvos en que consiste este campionato. A finais do pasado ano iniciamos no box de Navia “Os Nosos Xogos”, unha competición individual que se realizou ao longo de catro semanas, de onde saíu unha clasificación que é a que decidiu os participantes da final. Os nove primeiros clasificados, tanto da categoría masculina como feminina, son os que loitarán polo triunfo, que terá un gran premio: Un ano de box gratis! Os/as gañadores de cada unha das probas semanais tamén terán o seu premio, que será un lote de material deportivo.

 

Para esta final, os nosos guerreiros e guerreiras terán que realizar dúas probas nas que se combinarán as tres disciplinas que puxemos a proba durante as semanas anteriores: forza, resistencia e habilidade. Iso si, haberá diferenzas co sucedido ata o de agora.

 

Nas probas semanais, os participantes, que coñecían os exercicios, tiñan toda a semana para realizar a proba, dentro dos horarios das clases de MQBox e dispoñían de 4 intentos por proba (2 intentos en 2 días distintos). Na Gran Final, con data e hora establecidas, non se coñecerán os retos ata o mesmo día da competición, así que todos acudirán a cegas e en igualdade de condicións.

 

Ao finalizar a gran final, teremos entrega de premios (tanto das 4 fases previas como da gran final) e finalizaremos cun pequeno `picoteo´ para todos os participantes do torneo, que foron convidados para animar aos seus compañeiros/as. Porque iso é o que se viu durante estas semanas, un gran compañeirismo entre os 33 participantes que se animaban uns a outros a ir superando as probas, esquecéndose da competición e tratando de superarse día a día.

 

Esta foi a primeira edición de Os Nosos Xogos, pero esperamos darlles continuidade no tempo e que se vaian sumando participantes a unha competición na que o reto é máis contigo mesmo que co rival.