O SÁBADO 30 DE SETEMBRO, INIACIÓN AO TRAIL RUNNING EN BUEU

23/09/2023

A tempada OutExperience comezou forte! Case sen descanso xa estamos coa segunda actividade, que se celebrará o sábado 30 de setembro en Bueu. Seguimos alén da ría, nesta ocasión en Bueu, pero cambiamos de actividade (trail running) e ademais teremos unha colaboración especial.

 

Os nosos amigos do Trail Nocedo convidáronnos a realizar un adestramento conxunto polo seu territorio, un espazo espectacular para realizar un percorrido no que non faltará nada: Praias incribles, costa e bosque, regatos máxicos con muíños que nos trasladan a outros momentos…

 

Pero, imos por partes! Sairemos ás 9:30 horas desde a praia de Área de Bon, sempre acompañados polos nosos amigos de Bueu. Espéranos un percorrido de 6,7 quilómetros e 250 metros de desnivel aproximadamente que, como sempre, teremos a opción de ampliar, para todos aqueles que se quedaron con ganas de máis. Duración aproximada da actividade, unhas dúas horas.

 

Non fai falta que vos digamos que debedes vir con roupa e calzado adecuados, ademais de algo para comer e beber, aínda que non será unha actividade moi longa. Como sempre, estaremos moi atentos aos servizos de meteoroloxía, por se hai que levar algo de máis abrigo ou todo o contrario (viseira e protección solar).

 

Xa sabedes que, se queredes sumarvos a esta nova actividade, debedes reservar a praza na recepción de calquera dos nosos centros. Esta tempada, os prezos das actividades Outexperience soltas son de 4,35 euros para adulto non abonado/a por saída, mentres que para os nosos socios/as queda reducido á metade (2,15€). Claro que se todas as semanas estás aí, ao pé do canón xunto ao noso técnico Dani Domínguez, interesarache o abono por tempada (de setembro ata o 30 de xullo), xa que se es socio/a sairache todo por 20 euros e no caso de non selo, 40€.

 

Por último, lembrade que é imprescindible ter contratado o seguro anual obrigatorio para poder realizar actividades no exterior, que ten un prezo de 11 euros e un ano de vixencia.

 

A continuación, tedes a ligazón co punto de saída e do percorrido.