O SÁBADO 28, CICLAUGA TRASLÁDASE A MÁIS QUE AUGA BARREIRO

21/05/2022

Regresa Ciclauga, unha competición tremendamente divertida que encanta aos nosos usuarios/as! Esta será a quinta edición de Ciclauga e como novidade, decidimos cambiar de localización e de Coia trasladámonos a Barreiro. Así que, xa sabedes, a cita é o próximo día 28 de maio, a partir das 13:45 horas.

 

En que consiste Ciclauga? É unha competición na que as e os participantes terán que facer dúas probas de 20 minutos en bicicleta e piscina. O obxectivo é conseguir o maior número posible de puntos e estes dependerán do número de quilómetros que realices na bicicleta de ciclo  indoor (1 punto por cada quilómetro completado) e o número de voltas que sexas capaz de dar na piscina (1 punto por cada volta). As bicicletas estarán dispostas no exterior do centro, porque xa sabedes que, a medida que se achega o bo tempo, encántanos saír, na medida do posible, e facer deporte ao aire libre.

 

Que ninguén pense que isto é só para xente cunha gran preparación física. O noso técnico Javi Vázquez, responsable deste evento, explicounos que “o obxectivo fundamental deste xogo, máis que competición, é divertirse e pasalo ben e, nas catro edicións anteriores, lográmolo. O ambiente entre as e os participantes é moi san e as bromas entre eles, continuas, polo que vos animamos a probar. O único que necesitades é ganas de pasalo ben”.

 

Haberá un total de 3 quendas con 12 participantes en cada unha delas e a clasificación final virá marcada pola suma do número de puntos conseguidos en ambas as probas. Ao final teremos tres premiados por categoría (masculina e feminina) e os premios consistirán nun curso novo gratis durante a mensualidade de xuño (1º clasificado), unha sesión de fisioterapia (2º clasificado) e unha sesión de nutrición (3º clasificado).

 

Como podedes inscribirvos? A inscrición permanecerá aberta ata completar o aforo dispoñible. Podes reservar a túa praza na recepción de calquera das nosas instalacións. Se es socio/a, a participación é gratuíta e no caso dos non abonados o prezo é de 3,80 euros.