O SÁBADO 25, NOVA SAÍDA EN BICICLETA DE MONTAÑA POR CORUXO E SAIÁNS

21/11/2023

Regresan as actividades Outexperience! Despois dun mes de choivas intensas, por fin, parece que o tempo nos dará un respiro e poderemos retomar as nosas saídas. Así, este sábado 25 de novembro temos unha cita na Capela de Sebastián en Fragoselo (Coruxo) para realizar un roteiro en bicicleta de montaña.

 

Pero como sempre facemos, imos explicarvos a nosa proposta de sábado!  Sairemos ás 10:15 horas desde a Capela de San Sebastián e espéranos un percorrido de pouco máis de 20 quilómetros e aproximadamente 3 horas de actividade, aínda que teremos versión curta. A primeira parte do traxecto, entre os parques forestais de Saiáns, Coruxo e Fragoselo, está adaptada para todos os públicos, pero teremos unha zona un pouco máis complicada, con maior desnivel e velocidade, que nos levará ata a zona de Chandebrito e Camos, para regresar finalmente ao parque forestal de Coruxo.

 

Teredes a posibilidade de facer o percorrido máis curto, que tería unha duración de 1 hora e media, e, para aquelas persoas que queden con ganas de máis, realizaremos unha volta extra ao monte, para chegar así ás tres horas de actividade.

 

E agora chegou o momento das nosas recomendacións. É aconsellable que levedes auga e alimentos para repoñer forzas, así como roupa de abrigo ou choiva, en caso de mal tempo (estaremos pendentes das previsións meteorolóxicas).

 

Supoñemos que non é necesario lembrarvos que, para poder participar nesta saída é imprescindible ter bicicleta e casco propios, así como un móbil coa aplicación strava, desde onde poderedes seguir o percorrido.

 

Aquí deixámosvos as ligazóns co punto de saída e o roteiro en strava, para que poidades consultalos.

Lembrade que esta tempada, as actividades Outexperience pódense contratar soltas ou por tempada (está última opción sae moitísimo máis económica). O custo de cada actividade de forma individual é de 4,35 euros para adulto non abonado/a, mentres que para os nosos socios/as queda reducido á metade (2,15€). Pero, se es un habitual nas nosas saídas, interesarache o abono por tempada (de setembro ata o 30 de xullo), xa que se es socio/a sairache todo por 20 euros e no caso de non selo, 40€.

 

Por último, sinalar que os participantes deben ter contratado o seguro anual obrigatorio para poder realizar actividades no exterior, que ten un prezo de 11 euros e un ano de vixencia. Todas as persoas interesadas poden reservar praza na recepción dos nosos centros.