O SÁBADO 25 DE FEBREIRO FAREMOS O ROTEIRO BTT DOS MIRADOIROS DE VIGO

18/02/2023

Preparados para un esixente, pero fermoso, percorrido en bicicleta de montaña? O sábado 25 de febreiro regresan as nosas actividades OutExperience co roteiro BTT dos Miradoiros de Vigo, na que uniremos os picos do Monte Cepudo e o Mauxo Grande.

 

Pero imos aos poucos!  A cita será o día 25 de febreiro ás 10:00 horas desde os Pulmóns de Chandebrito, unha escultura cunha fermosa mensaxe e situada nun lugar precioso (abaixo, ligazón ao punto de saída). Os pulmóns, de máis de 3 metros de altura e realizados con anacos de madeira queimados, simbolizan o rexurdir dunha parroquia que renace das súas cinzas tralos incendios que devastaron a zona no ano 2017.

 

Desde aí realizaremos un dobre percorrido circular que unirá os Pulmóns de Chandebrito cos dous picos máis altos da zona: o Monte Cepudo en Valladares e o Mauxo Grande en Coruxo. En total serán 16 quilómetros de percorrido cun desnivel de 570 metros e unhas vistas incribles que farán o percorrido moito máis levadío. Será unha etapa con bastante desnivel que, sen dúbida poñerá a proba as nosas pernas, durante as tres horas de duración estimada da xornada deportiva. A dificultade física será media-alta, mentres que no aspecto técnico terá unha dificultade media.

 

Imos cos nosos imprescindibles para que poidades incorporarvos as nosas saídas BTT: Bicicleta de montaña e casco propios e un móbil coa aplicación Strava para seguir o percorrido. Ademais, como sempre, recomendarvos que levedes roupa adecuada para realizar esta actividade (estaremos pendentes das previsións meteorolóxicas) e para repoñer forzas, unha botella de auga e algunha barra enerxética, froita ou similar. Con todo isto, sumado ás ganas de pasalo ben facendo deporte en contacto coa natureza e nun grupo de amigos/as, o éxito está asegurado!

 

Todas as persoas interesadas poden reservar praza na recepción dos nosos centros ata completar o grupo. É unha actividade gratuíta para os nosos socios/as (aínda que deberán ter o seguro anual para poder realizar actividades no exterior, que ten un prezo de 10 euros e un ano de vixencia). Os non abonados, ademais do seguro obrigatorio, terán que pagar 4,25 euros pola saída.

 

A continuación, deixámosvos a ligazón co percorrido e o punto de saída.