O SÁBADO 21 DE XANEIRO, PRIMEIRO ROTEIRO BTT DO ANO!

16/01/2023

Comezamos o ano 2023 e tamén nos reencontramos coas actividades #OutExperience que tanto nos gustan! A primeira celebrarase o sábado 21 de xaneiro e será un roteiro BTT (bici de montaña).

 

Será un roteiro de algo máis de 16 quilómetros de percorrido e 460 metros de desnivel, na que pasaremos polos parques forestais de Beade e Pouso Bembrive, ademais de polo Mercantil e a zona do CUVI. Como sempre, o noso técnico OutExperience, Dani Domínguez, pensa un pouco en todos/as no momento de planificar o percorrido, establecendo opcións tanto para recortar (no caso dos máis novatos) como para ampliar, para aqueles que xa están afeitos ás saídas e queren forzar un pouco máis. Desta forma, Dani explicounos que existe a opción de recortar no tramo final do Cuvi e para aqueles que queiran máis, pódese facer a subida ao parque forestal de Beade desde casa, o que supoñerá un extra de 9 quilómetros de ascensión e ademais cun gran desnivel (+ de 400 metros).

 

As persoas que queiran participar no roteiro están citadas ás 10:15 horas no parque forestal de Beade, nas inmediacións do restaurante O Faneco. A continuación, tedes a ligazón co punto de partida.

Para aquelas persoas que aínda non o saiban, imos lembrar que hai tres elementos imprescindibles nas saídas BTT: Bicicleta de montaña e casco propios e, por suposto, un móbil coa aplicación Strava para seguir o percorrido. A maiores, tamén recomendamos levar roupa adecuada para realizar esta actividade (agora no inverno, algo de abrigo un chubasqueiro…), unha botella de auga e mesmo algunha barrita enerxética ou froita para repoñer forzas. E non nos podemos esquecer de algo fundamental: ganas de pasalo ben e de combinar deporte, natureza e amigos na mesma actividade.

 

Todas as persoas interesadas poden reservar praza na recepción dos nosos centros ata completar o grupo. É unha actividade gratuíta para os nosos socios/as (aínda que deberán ter o seguro anual para poder realizar actividades no exterior, que ten un prezo de 10 euros e un ano de vixencia). Os non abonados, ademais do seguro obrigatorio, terán que pagar 4,25 euros pola saída. Deixámosvos en ligazón co percorrido, para que poidades botarlle unha ollada ao mesmo.