O SÁBADO 21 DE OUTUBRO FAREMOS O ROTEIRO DO RÍO TEA EN MONDARIZ

14/10/2023

Non nos cansamos de descubrir sitios marabillosos para facer actividade física. Para o sábado 21 de outubro temos preparada unha saída espectacular seguindo o curso do río Tea en Mondariz, na que gozaremos dunha actividade ao aire libre nunha contorna única e chea de historia. Serán uns 9 quilómetros de percorrido, de dificultade media-baixa e unha duración estimada ao redor das tres horas.

 

Pero como sempre facemos, imos contarvos o noso plan. Partiremos ás 10:30 horas desde a Praza de España en Mondariz e desde aí atravesaremos o pobo para dirixirnos ao río Tea, nunha baixada de aproximadamente un quilómetro. Cruzaremos o río e espérannos tres quilómetros, no que iremos pasando pola Ponte Romana de Cernadela e as praias fluviais de Ceo e Foxaco. No quilómetro 4, tomaremos un camiño á esquerda que nos levará de forma ascendente por un dos afluentes máis máxicos do Tea, por que o continuaremos durante un quilómetro, para a continuación baixar por unha pista máis cómoda ata os famosos Pasos de Tatín, punto no que volveremos cruzar o río Tea, e poñeremos a proba o noso equilibrio, para regresar á poboación de Mondariz.

 

O roteiro ten unha distancia de 9 km, uns 220 metros de desnivel e unha dificultade media-baixa. O terreo ten pista cómoda e fácil, tramos de asfalto e outros de camiños de pescadores máis complexos, pola proximidade á humidade do río, as raíces e o terreo irregular. Por todo iso, é máis importante que nunca levar calzado impermeable, con membrana de goretex, e tamén bastóns de sendeirismo. Como vos dicimos sempre, non esquezades ver as previsións meteorolóxicas para levar a roupa adecuada, e máis agora que o tempo non deixa de sorprendernos. Ah, tampouco esquezades os víveres (auga e algo para comer, que seguro que vos apetece repoñer forzas).

 

Aquí tedes tanto a ligazón ao lugar de saída como o percorrido en Strava do roteiro.

Os que nos coñecedes, xa sabedes que só tedes que apuntarvos na recepción de calquera dos nosos centros. Iso si, lembrámosvos que para poder participar nas actividades #OutExperience é necesario ter o seguro anual obrigatorio que se paga só unha vez (11 euros) e cobre todas as actividades que se fagan durante un ano no exterior.

 

Ademais, os prezos das actividades Outexperience soltas son de 4,35 euros para adulto non abonado/a, mentres que para os nosos socios/as queda reducido á metade (2,15€). Pero, se es dos que non se perde ningunha destas actividades, interesarache o abono por tempada (de setembro ata o 30 de xullo), xa que se es socio/a sairache todo por 20 euros e no caso de non selo, 40€.