O SÁBADO 2 DE DECEMBRO EXPLORAREMOS O MONTE VIXIADOR EN BICICLETA DE MONTAÑA

27/11/2023

Seguimos lanzados coas nosas actividades #OutExperience e a primeira fin de semana de decembro temos dobre saída a un mesmo destino, o monte Vixiador. O obxectivo fundamental desta dobre experiencia é coñecer ben o parque forestal, pensando na proba de orientación coa que pecharemos o ano 2023 neste mesmo lugar a mediados do mes de decembro.

 

Pero imos por partes! O sábado 2 de decembro teremos unha saída en bicicleta de montaña polo monte Vixiador, que comezará ás 10:00 horas desde o lugar onde está a cantina (a continuación, deixámosvos a ligazón). Espéranos un roteiro bastante sinxelo de 14,5 quilómetros e cunha duración aproximada de dúas horas.

 

Este roteiro ten o aliciente de que iremos ao Miradoido de Trasmañó, en Redondela, desde onde gozaremos dunhas vistas incribles do Puente de Rande e da ría. Se non o coñeces, deberías achegarte ata alí porque é un lugar de ilusión!

 

O segundo obxectivo deste roteiro é realizar un traballo de exploración polo parque, pensando na proba de orientación multidisciplinar coa que pecharemos o ano 2023 (17 de decembro) e que se realizará neste parque forestal.

 

Como sempre, lembrarvos que para poder participar nesta saída é imprescindible ter bicicleta e casco propios, así como un móbil coa aplicación strava, para poder seguir o percorrido. Ademais, non esquezades levar auga e alimentos para repoñer forzas, así como roupa de abrigo ou choiva, en caso de mal tempo (estaremos pendentes das previsións meteorolóxicas).

 

Aquí deixámosvos as ligazóns co punto de saída e o roteiro en strava, para que poidades consultalos.

Finalizamos lembrando que as actividades Outexperience pódense comprar soltas ou por tempada. Desta forma, se queres realizar esta saída o prezo é de 4,35 euros para adulto non abonado/a mentres que para os nosos socios/as redúcese á metade (2,15€). Pero, se es un habitual nas nosas saídas, interesarache o abono por tempada (de setembro ata o 30 de xullo), xa que se es socio/a sairache todo por 20 euros e no caso de non selo, por 40€.

 

Por último, lembrarvos que os participantes deberán ter contratado o seguro anual obrigatorio para poder realizar actividades no exterior, que ten un prezo de 11 euros e un ano de vixencia e serve para todo tipo de probas. Todas as persoas interesadas poden reservar praza na recepción dos nosos centros.