O SÁBADO 19 DE MARZO CONVIDÁMOSVOS A COÑECER O CANICROSS

13/03/2022

O sábado 19 de marzo celebraremos o Día do Pai cunha actividade diferente, ao aire libre e co noso mellor amigo, o can. Convidámosvos a coñecer o  canicross!

 

É posible que moitos de vós non coñezades esta modalidade deportiva que foi crecendo e aumentando participantes de forma moi rápida nos últimos anos. Consiste en correr cun can atado á cintura cun cinto e unha liña de tiro que vai ata o arnés do can. E que é o que fai máis atractiva esta disciplina?  Gozar da natureza en compañía do teu can e descubrir unha afección en común con el, o que aumenta os lazos entre ambos. Ademais, non esquezades que ambas as partes son deportistas, polo que os coidados antes e tras o adestramento, son tanto para os humanos como para nosas mascotas.

 

En Vigo tivemos como un dos seus precursores ao gran atleta Alejandro Gómez, que despois de deixar as pistas, comezou con este deporte no que logrou proclamarse campión de España. Xunto a Alejandro (recentemente falecido e do que non nos esquecemos) fixemos nosa primeira inmersión no  canicross alá polo ano 2016.

 

Nesta ocasión, teremos o asesoramento de Balto Mushing  Team, un club vigués de recente creación que xurdiu da forma máis espontánea, tal e como nos contou Susana Pérez, a súa presidenta. “Eu levo facendo  canicross desde hai uns seis anos e estiven nalgún club, pero a través do meu instagram, mellor dito do instagram do meu can Pixel, comecei a publicar que  iamos saír a correr e que se alguén se quería apuntar, que viñese. E así, aos poucos, fomos crecendo, pasamos a saír todos os domingos e decidimos legalizarnos como club”. A pandemia atrasou un pouco os plans, pero xa son un club e participan en competicións, “aínda que o noso obxectivo prioritario é divertirnos cos nosos cans”.

 

Susana cóntanos en que vai consistir a actividade do sábado 19 de marzo, a partir das 9:30 horas, que se celebrará no parque forestal  do Pouso (Bembrive). “Primeiro teremos unha parte teórica, para presentar o material e para explicar a técnica, para facer un bo uso do material”. E despois, chegará o momento do adestramento, do goce. Susana insiste en que será unha actividade adecuada a todo tipo de persoa, que non necesitará unha preparación especial, só ganas de pasalo ben.

 

E claro, que necesitamos para probar canicross? Evidentemente o binomio persoa-can e ademais o material que consiste nun arnés, liña de tiro e un cinto. Igual apetécevos probar a actividade, pero fáltavos algún dos imprescindibles. Non vos preocupedes, a asociación contará con material extra para poder cubrir estas necesidades, mesmo habería algún can de máis. Iso si, no momento de facer a inscrición é necesario que indiques que é o que necesitariades e, por exemplo, se é unha liña de tiro, que será o máis habitual, debedes indicar o peso do voso can, xa que non todas as liñas son iguais.

 

Todas as persoas interesadas poderedes reservar a vosa praza na recepción dos nosos centros ata completar o grupo. É unha actividade gratuíta para os nosos socios/ as (aínda que deberán ter o seguro anual para poder realizar actividades no exterior, que ten un prezo de 10 euros e unha vixencia dun ano). Os non abonados, ademais do seguro obrigatorio, terán que pagar 4 euros pola saída.

 

A continuación, tedes o punto de encontro, xunto ao  merendeiro.