O SÁBADO 17 DE FEBREIRO, ROTEIRO EN BTT ENTRE OS PARQUES FORESTAIS DE BEADE E BEMBRIVE

11/02/2024

Seguro que xa queriades coñecer as saídas que temos preparadas para o mes de febreiro no noso programa #OutExperience. Así que imos coa primeira!

 

O sábado 17 de febreiro realizaremos un roteiro en bicicleta de montaña entre os parques forestais de Beade e Bembrive, de algo máis de 15 quilómetros e 400 metros de desnivel positivo. É un trazado fácil para rodar, aínda que conta con algunhas zonas un pouco máis técnicas e unha última subida ao parque forestal de Beade interesante, que nos permitirá, iso si, gozar dun dos bosques máis espectaculares de Vigo. Sabedes que en OutExperience non só gozamos do deporte, senón tamén da natureza e da compañía. Pois nesta ocasión, a natureza mostraranos un bosque de Pseudotsuga menziesii, máis coñecido como Pino de Oregón. Toda unha beleza!

 

Pero como sempre, contámosvos todo o plan! Sairemos desde Marikina Park, no propio parque forestal de Beade, ás 10 da mañá e espéranos por diante unha actividade de aproximadamente dúas horas e media. Neste roteiro pasaremos por Beade, Pouso e Bembrive e pola zona do Mercantil, percorrendo principalmente o carreiro panorámico de Vigo GR-53 e carreiros locais de Beade e Bembrive.

 

Imos cun dos clásicos, cada vez que falamos de OutExperience: As nosas recomendacións! Debedes levar auga e alimentos para repoñer forzas, así como roupa de abrigo ou choiva, en caso de mal tempo (estaremos pendentes das previsións meteorolóxicas).  E claro, se queredes participar neste saída BTT, é imprescindible ter bicicleta e casco propios, así como un móbil coa aplicación strava, onde poderedes seguir o percorrido.

 

Aquí deixámosvos as ligazóns co punto de saída e o roteiro en strava, para que poidades consultalos.

Esta tempada, os prezos das actividades Outexperience soltas son de 4,35 euros para adulto non abonado/a, mentres que para os nosos socios/as queda reducido á metade (2,15€). Pero, se es un habitual nas nosas saídas, sen dúbida, interesarache o abono por tempada, xa que se es socio/a sairache todo por 20 euros e no caso de non selo, 40€. Aínda agora, que xa levamos uns meses de tempada, é rendible!

 

Por último, lembrarvos que os participantes deberán ter contratado o seguro anual obrigatorio para poder realizar actividades no exterior, que ten un prezo de 11 euros e un ano de vixencia. Todas as persoas interesadas poden reservar praza na recepción dos nosos centros.