O SÁBADO 16 SUBÍMONOS Á BICI DE MONTAÑA PARA FACER UN ROTEIRO POLA SENDA DO LAGARES

09/03/2024

Agora que se achega a primavera, apetece aínda máis facer actividade física no exterior. Así que seguro que sodes moitos e moitas aos que lles pode gustar o plan que vos imos a propoñer hoxe. Forma parte do noso programa OutExperience, que consiste precisamente en unir natureza e deporte en comunidade.

 

Así que, imos co plan que temos preparado para o sábado 16! Realizaremos un roteiro para principiantes en bicicleta de montaña pola senda do Lagares, Samil, Canido, Alcabre e Bouzas.

 

Dicimos que é para principiantes porque será un percorrido duns 25 quilómetros, maioritariamente plano e por asfalto en gran parte. Iso si, teremos que ter precaución para evitar enganchóns ao rodar en grupo todos xuntos.

 

A saída, ás 10:00 horas, realizarémola desde o Parque de Castrelos (diante do auditorio no río) e alí o noso técnico OutExperience Dani Domínguez, ofrecerá uns consellos básicos para poder rodar todos xuntos sen incidentes. A duración aproximada da actividade será dunhas tres horas.

 

Que necesitades para participar? O máis importante, ter unha bicicleta de montaña e casco, así como un móbil coa aplicación strava, para poder seguir o percorrido. Ademais, non esquezades levar roupa adaptada á actividade e ás condicións climatolóxicas. Como sempre, estaremos moi atentos e atentas ás previsións do tempo. Ademais, sempre é conveniente levar algo para comer e beber durante a proba e máis nesta ocasión, que serán tres horas de actividade.

 

A continuación, deixámosvos as ligazóns coa saída e o percorrido en Strava.

Esta tempada, os prezos das actividades Outexperience por saída son de 4,35 euros para adulto non abonado/a, mentres que para os nosos socios/as queda reducida ao cincuenta por cento (2,15€). Pero, se es un dos habituais OutExperience, seguro que apostaches polo abono por tempada, xa que se es socio/a sáeche todo por 20 euros e no caso de non selo, por 40€.

 

Por último, lembrarvos que para o programa OutExperience, é necesario contratar o seguro anual obrigatorio para poder realizar actividades no exterior, que ten un prezo de 11 euros e un ano de vixencia. Todas as persoas interesadas poden reservar praza na recepción dos nosos centros.