O SÁBADO 13 SUBÍMONOS Á BICI DE MONTAÑA PARA FACER O ROTEIRO BEADE-BEMBRIVE

10/11/2021

Xa temos en marcha o segundo roteiro BTT Máis que Auga! O sábado 13 de novembro temos unha cita para realizar o roteiro Beade-CUVI-Bembrive de 15 quilómetros aproximadamente.

 

Queredes coñecer o plan? Sairemos ás 10:00 horas desde o campo de fútbol de Beade (xunto ao parque forestal) e desde aí faremos un percorrido circular de 15 quilómetros, no que pasaremos polo parque forestal de Beade, o Parque Forestal de Pouso en Bembrive, o Mercantil e  a Cidade Universitaria de Vigo. É un percorrido relativamente sinxelo no aspecto técnico, imos rodar en grupo e amodo, e segundo nos conta o noso técnico Dani Domínguez a única dificultade podería estar “no terreo húmido e algunha subida que outra con algo de pendente. Ademais de axudarnos entre todos e de que non haberá problema se se bota pé a terra nelas, teremos dous monitores-guías que estarán máis que dispostos a botar unha man onde faga falta”. En principio, calcúlase que a duración deste percorrido será de dúas horas e, se ao finalizar, hai forzas e ganas para máis, realizarase un circuíto curto e un pouco esixente, pero iso decidirase in situ, dependendo da situación.

 

Que necesitades? Imprescindibles: Unha bicicleta propia e o casco correspondente, así como un móbil coa APP  Strava para seguir o percorrido.  Tamén é recomendable unha botella de auga, aínda que a metade de percorrido hai unha fonte.

 

A continuación, deixámosvos a ligazón co punto de saída, así como ao percorrido, para que poidades botarlle unha ollada ao mesmo.

Todas as persoas interesadas poden reservar a praza na recepción dos nosos centros ata completar o grupo. É unha actividade gratuíta para os nosos socios/as (aínda que deberán ter o seguro anual para poder realizar actividades no exterior, que ten un prezo de 10 euros e unha vixencia dun ano). Os non abonados, ademais do seguro obrigatorio, terán que pagar 4 euros pola saída.

 

A primeira das saídas en BTT realizouse o 16 de outubro, con saída desde o monte Vixiador. Aquí deixámosvos algunhas fotografías e un vídeo dese primeiro roteiro, que nos deixou con ganas de máis!