O SÁBADO 12 DE FEBREIRO, FERMOSO ROTEIRO DE BTT PATOS-MONTEFERRO-BAIONA

05/02/2022

Esta semana tócanos coller a bici de montaña para facer un deses roteiros que non se van borrar da mente! O sábado 12 de febreiro retomamos as nosas actividades #OutExperience e imos percorrer a fermosa zona de Patos,  Monteferro, Praia América e a península de Santa Marta, en Baiona, un percorrido ao bordo do mar, que fará as delicias de todos os amantes do deporte e a natureza.

 

Onde e a que hora quedamos? A hora de saída será ás 10:00 no aparcadoiro da praia de Patos (en Prado Surf  Escolas). Desde aí espérannos uns 23 quilómetros para facer o percorrido desde Patos, pasando por  Monteferro, Praia América e chegando a Baiona, á península de Santa Marta. A maior parte do percorrido é chairo, sendo a zona máis complicada a que realizaremos en  Monteferro, esta península única na que podes gozar dunhas vistas e uns paseos incribles.

 

Despois de gozar do percorrido por  Monteferro, faremos toda a senda e o paseo costeiro de Praia América, Ramallosa e continuaremos ata Santa Marta, en Baiona, para regresar ata Patos polo mesmo percorrido. Ao final, serán algo máis de 23 quilómetros (cun desnivel positivo de 263 metros) e se alguén queda con ganas de máis, que non se preocupe! O noso técnico Dani Domínguez, no regreso fará cos máis intrépidos unha subida e un descenso un pouco máis esixente en  Monteferro. O que temos claro é que finalizaredes coa alma e a mente cheas de boas sensacións e grandes momentos.

 

E non podemos deixar de lembrarvos os imprescindibles para participar nestas saídas de BTT: Necesitades contar con bicicleta e casco propios, así como un móbil coa APP Strava para seguir o percorrido. Tamén é recomendable unha botella de auga, algo para comer (froitos secos, algunha  barrita enerxética,…) e, polo si ou polo non, roupa de abrigo (estaremos moi atentos ás predicións meteorolóxicas).

 

A continuación, deixámosvos a ligazón co punto de saída, así como do percorrido, para que poidades botarlle unha ollada ao mesmo. 

Por último, lembrarvos que todas as persoas interesadas poden reservar a praza na recepción dos nosos centros ata completar o grupo. É unha actividade gratuíta para os nosos socios/as (aínda que deberán ter o seguro anual para poder realizar actividades no exterior, que ten un prezo de 10 euros e unha vixencia dun ano). Os non abonados, ademais do seguro obrigatorio, terán que pagar 4 euros pola saída.