O PROXECTO SOLIDARIO 0-3 PARA OS MÁIS PEQUENOS CHEGA A MÁIS QUE AUGA DO 2 AO 5 DE XANEIRO

27/12/2023

Chegou un dos proxectos que máis nos emociona e namora! Como todos os anos nestas datas do Nadal, realizaremos, en colaboración coa asociación Sinergia 360 e AFAN Vigo, o Proxecto 0-3, unha campaña solidaria de recollida de alimentos e produtos básicos para bebés de 0 a 3 anos de familias en situación de vulnerabilidade da nosa cidade.

 

É unha preciosa iniciativa na que Máis que Auga colabora desde hai varios anos. Cal é o obxectivo prioritario? Que todas as familias con bebés de idades comprendidas entre 0 e 3 anos teñan os recursos de hixiene e nutrición necesarios para os seus peques. Son moitas as cousas que necesitan os bebés e calquera achega será ben recibida: Desde os clásicos potitos a leite de crecemento, de cueiros a toalliñas hixiénicas; de cremas hidratantes a champú ou xel; dun axóuxere ou chupete a un biberón… Hai multitude de opcións para colaborar e adaptadas a todos os petos!

 

Como e cando será a recollida? Estará centralizada nos tres centros de Máis que Auga (Navia, Coia e Barreiro) do 2 ao 5 de xaneiro, onde atoparedes uns contedores nos que poderedes depositar a vosa achega que, por suposto, será sempre benvida.

 

Unha vez recollido todo, a Asociación de Freijeiro de Ayuda al Necesitado (AFAN) será a encargada de repartir despois os produtos entre esas familias que o necesitan. AFAN é unha asociación con máis de trinta anos de vida, traballando para axudar a persoas en situación de vulnerabilidade, grazas á solidariedade de persoas, empresas privadas, a colaboración de voluntarios e o apoio financeiro das administracións públicas.

 

Esta campaña conta ademais coa mellor embaixadora, a xornalista Noelia Otero, que foi unha das impulsoras do proxecto 0-3 hai máis de dez anos, xunto a David Suárez.

 

Toda colaboración é benvida. Esperámosvos!