O programa Immunity Boost de eGym reforza o sistema inmunolóxico

28/06/2020

No regreso ao traballo físico é fundamental seguir as indicacións dos nosos técnicos para evitar lesións. O traballo debe ser progresivo e adaptado á situación actual dos músculos de cada usuario. Por iso, o novo programa de eGym, Immunity Boost, é perfecto para a situación actual.

 

Con este programa de adestramento reforzas o teu sistema inmunitario a través da musculación e ademais falo adestrando de forma específica e efectiva, sen sobrecargar o teu organismo.

 

O técnico de Máis que Auga Coia, Andrés Viana, fálanos de Immunity Boost: “É un programa de adestramento específico de forza, que aproveita os beneficios do adestramento reducindo ao máximo a fase de desgaste muscular e provocando así reforzos a nivel inmunolóxico, con baixos niveles de estrés e desenvolvendo melloras musculares”.

 

Andrés explícanos que é un programa moi efectivo nestes momentos nos que aumentou o sedentarismo, xa que “cada máquina adapta a carga ao nivel físico de cada persoa, polo que é perfectamente aplicable tanto para os que leven tempo parados, como para os que non deixaron de adestrar, xa que cada usuario ten a súa carga de traballo personalizada”.

 

Como reforzamos o sistema inmunitario?

Durante o exercicio, os músculos producen unhas moléculas que reciben o nome de mioquinas, e está demostrado que estas moléculas preveñen enfermidades e conforman unha especie de «estación de recarga» para o noso sistema  inmunitario. Deste xeito, fortalecer a musculatura non só mellora a forza, senón que tamén estimula as defensas e mellora a forma física.

Ter un sistema inmunolóxico forte é fundamental para combater a calquera virus e tamén pode ter efectos positivos noutras enfermidades.

 

Como funciona o programa Immunity  Boost?

O programa completo componse de catro fases, cada unha das cales inclúe seis sesións de adestramento. Se se realizan dúas sesións por semana, por exemplo, o programa enteiro ten unha duración aproximada de tres meses.

 

O adestramento sempre consta de tres partes: quecemento, exercicios de forza e arrefriado. E o usuario vai seguindo o adestramento a través da pantalla, que lle vai indicando a velocidade do exercicio e os descansos marcados.

Immunity Boost

Que é o circuíto  eGym? Hai xa dez meses que chegou a Máis que Auga  Coia o equipo de adestramento de forza  eGym, un sistema dixital, totalmente electrónico e conectado.

 

Na túa primeira sesión, os nosos técnicos axudaranche para que coñezas as máquinas e o seu funcionamento.  Nesta primeira visita realizarás un test de forza en cada unha das máquinas e estas indicarannos onde hai desequilibrio muscular e cales son os exercicios recomendados. Este test repítese regularmente para que o volume de adestramento se adapte ao nivel físico do momento actual.